O Concello de Bueu promove o V Plan para a Igualdade de mulleres e homes, que entrará en vigor logo de que se aprobase no pleno da corporación municipal do 5 de decembro de 2022, onde a proposta da concellaría de igualdade saíu adiante por unanimidade de todos os grupos. Este será o instrumento que rexerá as liñas de acción de fomento da igualdade para os próximos seis anos, é dicir, dende o 2022 ata o 2027.
Ao igual ca os anteriores, o plan actual vai ser unha ferramenta ante todo realista, con accións que se van levar a cabo nos diferentes eidos e que recolle unha política integral de promoción da igualdade. A posta en marcha do V Plan de Igualdade vai permitir, durante estes anos, continuar desenvolvendo políticas de acción positiva en todos os ámbitos e en todas as áreas municipais, co fin de alcanzar a igualdade efectiva entre as mulleres e os homes no municipio.
O plan articúlase en base á diagnose de xénero da situación actual da igualdade no municipio, así como ás necesidades e demandas da cidadanía para a consecución dunha igualdade real e efectiva. Na estrutura do plan recóllense oito áreas estratéxicas de intervención cun total de sesenta e dúas medidas de actuación inspiradas no principio de transversalidade. Ademais, quedan tamén reflectidos os procesos de elaboración e de seguimento e avaliación para coñecer o grao de execución de cada unha das medidas de actuación programadas.