Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Aula da Natureza de Cabo Udra

O Concello de Bueu conta, dende o ano 2008, coa Aula da Natureza de Cabo Udra localizada no espazo protexido de Cabo Udra, pertencente á REDE NATURA 2000, enclave privilexiado da costa morracense e cunha biodiversidade que o converte nun espazo único.

Esta innovadora edificación, permite ao Concello contar cun espazo de interpretación natural, podendo resaltar os valores biolóxicos do espazo protexido de Cabo Udra, así como promover e desenvolver programas e actividades de educación ambiental dentro da REDE NATURA 2000,

O proxecto para a creación da Aula da Natureza nace a finais do ano 2003 cando mediante a subscrición dun convenio de colaboración entre o Concello de Bueu e a Comunidade de Montes de Beluso comezou a tomar forma.

Financiamento

O proxecto contou cun orzamento de preto de 500.000 €, procedentes case na súa totalidade dos fondos Proder II da Unión Europea; o Concello de Bueu achegou de fondos propios un 7% da mesma. A Fundación Comarcal do Morrazo, o AGADER, o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, tamén merecen unha mención especial na consecución de dito orzamento.

Visitas

A Aula pódese visitar todos os días en tempada estival. Con todo, durante todo o ano existe a posibilidade de concertar visitas escolares ou para grupos (30 persoas máximo) a través do correo electrónico auladanatureza@concellodebueu.gal.

Centro de Interpretación de Agrelo

O Centro de Interpretación de Agrelo, situado nas inmediacións da praia de Agrelo, inaugurouse no 2015. Este centro, cuxas obras de rehabilitación se iniciaron a finais do 2014, era o antigo matadoiro municipal de Agrelo construído no ano 1955 que fora proxectado polos arquitectos Francisco de Castro e Pedro Alonso. Tamén foi usado durante moito tempo como sede da protección civil.

O Concello decidiu apostar por este centro como un complemento do de Cabo Udra,e que contribúe a ser un referente do Bueu costeiro, para vincular a edificación con todos os recursos naturais, económicos e culturais do noso municipio. Este centro conta co distintivo de Centro Azul, concedido pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC).