Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Este proxecto contou cunha axuda da Deputación de Pontevedra

Ficha técnica sobre fontes e lavadoiros do Concello de Bueu

Fontes e lavadoiros incluídos no PXOM

Total: 46 fontes e lavadoiros, un menos que no PXOM debido ao agrupamento da Fonte-Lavadoiro de A Roza / Rosa (Santa María de Beluso). Do total (46), todas son de titularidade pública, excepto o Lavadoiro do Cura (San Martiño de Bueu).

Documentos de apoio: PXOM de Bueu e o nº 29 de O Candil sobre os ríos, regatos fontes e lavadoiros do Concello de Bueu de Arturo Sánchez Cidrás e colaboradores.

Santa María de Beluso

Se desde Sar tomamos a estrada que vai directamente a O Cabalo vemos, á beira da mesma, unha fonte de pedra de dous canos, cun fermoso lavadoiro, tamén de pedra, cuberto de tella. Existe un expediente de outubro de 1923 que indica a construción da fonte e lavadoiro, asinado por Camilo Davila Davila e construído polo canteiro Manuel Fontán Barreiro. No 1951 houbo unha remodelación e construción da cuberta do actual lavadoiro. Ten unha pequena parcela onde se xuntan as augas que veñen do Pión e as desta fonte para formar o regato, que neste punto se chama Laxes e remata co nome de Sar.
Lavadoiro de grande tamaño situado á beira da estrada do núcleo de O Cabalo. Conta cunha única pía con dúas pedras de lavar, unha a cada lado. Ten cuberta a catro augas de tella apoiada sobre oito piares de pedra granítica.

Localización (web): X 516.480 Y 4.687.222 Lugar de Sar.

Santa María de Beluso

Desde a praia de Tuia subimos polo camiño cara Sar. A fonte verte as augas ao lavadoiro, caneada en pedra. O lavadoiro foi construído en 1955, de mans do canteiro José Bastón Martínez. O tellado é a dos augas con seis piares de fibrocemento e conta cunha soa pía para lavar.
Na toponimia “Sar” é un hidronímico precéltico que vén dicir “auga que flúe”.

Localización (web): X 515.906 Y 4.687.053 Lugar de Sar

Santa María de Beluso

Se de Fonte Nova collémolo camiño que nos leva á estrada de Lagos ou Area de Bon sube á Rúa Nova, na mesma curva, existe un cartaz coa situación de Lago Mansiño (topónimo presente nun memorial do s. XVIII da Igrexa de Santa María de Beluso). Baixando por un carreiro á Costa de Covelo, atopámonos, á dereita, coa fonte que ten un cano con ramal, tamén de pedra, que leva auga ao lavadoiro que está moi preto.

Localización (web): X 515.783 Y 4.686.053 Montemogos

Santa María de Beluso

Desde a praia de Tuia subimos polo camiño cara Sar. A fonte verte as augas ao lavadoiro, caneada en pedra. O lavadoiro foi construído en 1955, de mans do canteiro José Bastón Martínez. O tellado é a dos augas con seis piares de fibrocemento e conta cunha soa pía para lavar.
Na toponimia “Sar” é un hidronímico precéltico que vén dicir “auga que flúe”.

Localización (web): X 515.906 Y 4.687.053 Lugar de Sar

Santa María de Beluso

Dende a fonte de Sanamedio retrocedemos á estrada xeral e camiñamos cara Aldán ata chegar uns metros antes da curva de Nocedo onde hai unhas escaleiras de baixada á fonte e lavadoiro que están na mesma curva. O río Nocedo, que ven de Castiñeiras e Borrallido baixa en busca do mar. Cae en cascada preto da fonte por estar cegado o álveo do muíño lindeiro. De xeito graduado, seguindo a topografía do lugar, temos primeiro a fonte que sae caneada en tubo de ferro vertendo as augas cara unha zona, noutro tempo rebaixada, que por dous canles feitos na pedra levaba esta ata o lavadoiro. Este mesmo de pedra a dúas bandas accedese logo de baixar tres chanzos. Esta cuberto con tellado de fibrocemento apoiada sobre catro piares de pedra granítica. Moi preto do mesmo atópase un dos muíños do Rego do Nocedo .

Localización (web): X 516.512 Y 4.684.448 Bon de Abaixo

Santa María de Beluso

Se seguimos o camiño desde A Vela cara a igrexa parroquial de Santa María de Beluso, nunha bancada da estrada atopamos unha fonte pequena situada no núcleo de A Rosa. Está construída en cantería de granito e conta con dous canos que brotan sobre un pequeno estanque ao que se accede por unas escaleiras de pedra. Preto dela atópase o lavadoiro de pedra cuberto no ano 1950 cos cartos da “Junta de Ayuda a Municipios”.

Localización (web): X 515.427 Y 4.686.711 A Roza

Santa María de Beluso

Ao lado sur do lavadoiro de Laxes hai un camiño que nos pode levar ao comezo da Recta do Pión ou Peón, no lugar da Rúa Nova de Abaixo, onde a beira dereita da estrada (se imos cara Beluso), agochado, pódese ver a estrutura dun lavadoiro de tamaño medio. Ten cuberta a dúas augas de tella con estrutura de madeira apoiada sobre seis piares de pedra granítica.

Un pío grande ou lago para o rego dálle nome á recta (aínda que hai quen o atribúe aos peóns camiñeiros que fixeron a estrada). Hoxe ten fonte e lavadoiro cuberto a dúas augas. O lugar onde estaba antigamente a fonte vese pola arboradura do frontal e pola sinal do cano pechado na man dereita da entrada ao recinto. Este foi arranxado no ano 1965.

Localización (web): X 516.021 Y 4.686.686 A Rúa Nova de Abaixo

Santa María de Beluso

Á entrada do Adro da Capela de Sanamedio atópase a chamada fonde do Santo. Aproveitaremos para a súa descrición, a continuación, o artigo de D. Joaquín Pimentel Gil recollido por Arturo Sánchez Cidrás:

“No San Nomedio de arriba, lindeiro co camiño, hai una planicie, con terreo unido formando aquela un adro onde están a Capela, Casa das Novenas ou Ofertas (Puxas) e a fonte; poboado todo elo con vellos castiñeiros, carballos e acacias de tres espiñas. Todo é obra do párroco que rexía a freguesía de Beluso no ano que di a inscrición que aparece no frontispicio da fonte (case ilexible), á que hai que baixar por 7 u 8 chanzos:

HIZOME D ALFATON – VALCARCE A SV COSTA
SIENDO ROR DESTA FLSA. AÑO DE 1728
Capela, casa e fonte, como o adro e terreo anexo, co seu valo, son da mesma época e mide 3 ½ ferrados de sementeira, ou sexa unhas 16 áreas”

Localización (web): X 516.484 Y 4.684.968 Sanamedio

Santa María de Beluso

Lavadoiro de grande tamaño situado no contorno da Capela

de San Mamede no núcleo de San Amedio, recentemente reformado, que recolle as augas sobrantes da Fonte do Santo. Está composto por unha única pía de granito cunha soa pedra de lavar á que se accede por unhas escaleiras de pedra. Sen cuberta.

Localización (web): X 516.446 Y 4.684.943 Sanamedio

Santa María de Beluso

Para chegar temos que baixar ata as derradeiras casas de Vilar de Abaixo. Á beira esquerda, mesmo onde atopamos unha casa con cruceiro, daremos co pequeno lavadoiro e o cano da fonte. Ten pedra de pousadoiro e as augas sobrantes pódense almacenar nun lago de rega. Accédese a través de dous chanzos de pedra.

Localización (web): X 515.989 Y 4.685.720 Lugar de Vilar

Santa María de Beluso

A estas augas chámanlle o “río da Vila”. Lavadoiro e fonte situados á beira da estrada no núcleo de Bon de Abaixo. O lavadoiro ten unha única pía cunha soa pedra de lavar. Ten cuberta a unha auga apoiada sobre catro piares. A fonte é dun so cano. Ao seu carón ten un banco para sentarse construído en pedra. Nos rexistros parroquiais de Beluso atopámonos co “Pumadelo de Bon”, febreiro de 1753.

Localización (web): X 516.245 Y 4.684.966 Bon de Abaixo

Santa María de Beluso

Descrición (web): Polo camiño que, bordeando ao lado norte do pazo, vai a Santa Cruz está o magnífico conxunto que forman a fonte e lavadoiro de Ouril. Chegando a unha porta lateral do pazo hai unha baixada entre árbores que forman un paseo íntimo e agochado das miradas. A fonte está composta por dous canos esculpidos artisticamente en pedra e con canais tallados que dan servizo ao lavadoiro. O lavadoiro está composto por pedras de granito, cuberta a dúas augas e estrutura de madeira e tella. Esta parcela pertenceu ata o ano 1936 a Carmen de la Rúa Catani, quen por unha cesión-expropiación pasou a ser de propiedade municipal. O concello realizou as primeiras reformas no ano 1940.

Localización (web): X 516.666 Y 4.685.998 Lugar de Ouril – Chan de Piñeiro

Santa María de Beluso

A 200 metros de Birtacabazos atópase o cruce, á dereita, que descende ao lugar de A Costa de Figueirón. Se baixamos por esa empinada costa na bifurcación que vai a unha banda ou outra da Praia de Beluso, tomamos á esquerda, pasando pola fonte-lavadoiro, a cal chega ao norte da praia e peirao. As augas da fonte veñen dun manancial tipo “mina” tal e como se pode apreciar na porta pechada enriba do cano da fonte. Sendo alcalde Manuel González Plá, iníciase a construción en 1877 (recollido de Arturo Sánchez). E “alí ían os mariñeiros … a coller auga”.

Esta mesma fonte tamén foi coñecida como “Fonte do Nabeiro”, tal e como recolle as Partillas de Rosa Aballe: Fonte de Nabeiro: citase no lugar de naveiro en ruanova de abaixo. O lugar onde estaría sería por riba da fonte da Costa de Figueirón. O acceso estaría a escasos metros da estrada xeral Bueu-Aldán, no ramal que leva á praza de Cabalo, polo primeiro camiño que hai á man dereita.

Localización (web): X 516.456 Y 4.686.899 Lugar Costa de Figueirón

Santa María de Cela

A fonte atópase preto da curva do Beloso, rumbo a Cela, hai un camiño á dereita que hai que subir. Ao pé dunha das casas sitúase a pequena fonte de pedra, a cal conta cunha inscrición ou lenda ilexible. A fonte conta cun único cano e está por debaixo do nivel da estrada.

Localización (web): X 519.509 Y 4.686.340 Antepazo – O Beloso

Santa María de Cela

A fonte de pedra posúe tres canos e unha lenda que di “año 1926”. Tamén conta cun pequeno lavadoiro situado á beira da estrada no núcleo de O Beloso. Conta cunha única pía cunha pedra de lavar. Ten cuberta a dúas augas de tella de fibrocemento apoiada sobre catro piares de formigón. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 519.702 Y 4.685.766 O Beloso

Santa María de Cela

Fonte erixida no ano 1919, cun so cano que lle da auga ao lavadoiro a dúas tellas soportado por catro piares. O lavadoiro constrúese no ano 1930.

Localización (web): X 520.631 Y 4.687.257 Fonte Alta – Castrelo

Santa María de Cela

Conta cunha lenda co “ano 1919”. Hoxe en día a fonte está uns 10 metros máis ao norte da situación orixinal, sendo efectuado o traslado no ano 1930.
O lavadoiro é de tamaño medio e está situado á beira da estrada no núcleo de Castrelo. Conta cunha única pía cunha pedra de lavar. Ten cuberta a unha auga de tella apoiada sobre piares e vigas de formigón . A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro. Atópase moi alterado, con muros de bloque de formigón nun dos laterais.

Localización (web): X 520.743 Y 4.687.139 Fonte Alta – Castrelo

Santa María de Cela

No lugar da Paradela, xunto ao cruce que vai para Moaña. Esta foi reformada e cambiada de lugar, máis desviada do camiño. Na freguesía de Cela, na veiga das “Bousiñas” faise a seguinte escritura: “Domingo Freire, carpinteiro, labrador e María Freire muller de Benito Freire (todos de Cela), levantan testemuña sobre a presa de auga que, vindo da fonte das Cachopas, pasa pola propiedade das Busiñas, sendo de rego¨. Escribán: Juan Fernández Rodríguez, 20-08-1678 -Ca-1638.

Polo tanto podemos atopar esta fonte de gran porte nun espazo público no núcleo de Paradela. Ten un único cano sobre un muro de cantería de granito rematado con frontón triangular liso. Deste muro central saen dous muros a ambos lados nos que se apoian dous bancos tamén de cantería de granito.

Localización (web): X 520.859 Y 4.685.837 Paradela

Santa María de Cela

Pequena fonte situada no núcleo de O Río. Conta cun único cano situado nun muro de cachotería de pedra no que se resalta o punto central cunha peza de cantería. O cano verte sobre outra peza de cantería de granito elevada con respecto ao espazo público.

Localización (web): X 520.381 Y 4.685.809 O Río

Santa María de Cela

Lavadoiro de tamaño medio situado á beira da estrada no núcleo de O Río. Conta cunha única pía con dúas pedras de lavar. Ten cuberta plana de formigón apoiada sobre vigas e piares do mesmo material. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro. No contorno semellan verse restos da estrutura de cuberta do antigo lavadoiro.

Localización (web): X 520.376 Y 4.685.794 O Río

Santa María de Cela

Lavadoiro, tamén chamado do Outeiro de Cela, de tamaño medio situado á beira da estrada no núcleo de Sabarigo. Conta cunha única pía cunha pedra de lavar. Ten cuberta apoiada en piares de formigón. A auga que lle chega ao mesmo brota dunha pequena fonte dun cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 520.764 Y 4.687.557 Sabarigo

Santa María de Cela

A fonte e lavadoiro do Tombo está preto do muíño e río do mesmo nome que pasa polo lugar baixando da Devesanova, lugar de A Torre Vella. O lavadoiro podémolo caracterizar como de tamaño medio e situado á beira da estrada no núcleo de Tombo. Conta cunha única pía con dúas pedras de lavar. Carece de cuberta. A auga que lle chega ao mesmo brota dunha pequena fonte dun cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 519.877 Y 4.686.842 Tombo – A Torre

Santiago de Ermelo

Fonte de cantería de granito situada no núcleo de Ermelo. Conta cun único cano que brota dun muro de pedra rematado con frontón semicircular liso. Ten un pequeno estanque sobre o que verte o cano ao que se accede baixando dous chanzos de pedra.

Sinala Ermelo:
………………
Sant-Iago dille ó cabalo:
-“Imos para Ermelo, meu branco,
Preto do máis belo ceo,
Onde as horas xa non medran
E as náiades van as fontes
cos baldes sobre a cabeza.
……………….
“Faiscas e Forlepas” de Xosé Carlos O´Framinor (2000)
Localización (web): X 519.430 Y 4.683.615 Ermelo

Santiago de Ermelo

Lenda no frotal “AÑO DE 1932”. Non está claro que o nome da fonte sexa Fonte Bieita aínda que o lugar na que se empraza dálle nome. Está situada a esquerda por un camiño de pé antes de chegar ao lugar de Ermelo, un pouco máis adiante do cruce novo que sube á Esculca. O topónimo Fonte Bieita, entre Meiro e Ermelo, corresponde a un manancial de auga moi boa que enche o lago de “Vilariño”. Ao redor desta fonte existe unha lenda recollida por B. Aparicio-Museo de Pontevedra (1979): “Dicían que había moito ouro, un carro de ouro, e dixo unha muller: ¡Ai, meu Deus!, ¿Onde imos meter tanto ouro? E o ouro desapareceu”.

O lavadoiro é de gran tamaño e conta cunha única pía cunha pedra de lavar. A cuberta é inclinada de formigón apoiada en piares do mesmo material. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 519.435 Y 4.683.912 Ermelo

San Martiño de Bueu

Está a uns 250 metros río arriba do lavadoiro de O Río da Portela. Outra forma de chegar a el é ir polo primeiro camiño, á dereita que hai a uns 100 metros da subida da estrada xeral a Meiro. Situada na ruta da auga próxima ao río Frade. Como pode comprobarse ten un frontal esculpido, na parte superior ten unha especie de copa e mesmo enriba do cano vense uns corazóns invertidos enfrontados en altorrelevo. Foi arranxada polo concello en 1951 e actualmente no ano 2004.

Localización (web): X 518.144 Y 4.683.504 Meiro – A Portela

San Martiño de Bueu

En setembro de 1912 comeza a construción das beirarrúas na rúa Príncipe (hoxe Eduardo Vicenti), así como a arqueta en Galos para levar a auga á Praia (onde se localiza a actual Praza de Abastos). Fíxose aproveitando a “fonte da Cangueita” (na esquina, tiña que baixarse uns chanzos, de Canibelos e E. Vicenti).

“Claudio Agulla Portela comerciante-taberneiro en Galos; era de Bueu, casado con Antonia Lemos despois con Teresa, irmán, de Cangas, e logo con Francisca Suárez. Era típica a súa pequena taberna, nun baixo no que había que agacharse para entrar, xunto á fonte onde hoxe está a arqueta que embalsaba auga para a praia. Alí paraba a xente que regresaba do mercado (Meiro e Portela) e a que volvía de misa primeira os días festivos, para tomar un colito de priorado. Para todos era familiar el Sr. Claudio da cangueira”. Recollido en “Reconocer Bueu” de José Mª Estévez – Deputación Provincial.
Na actualidade, fonte situada nun muro baixo a praza da Casa da Cultura “Torrente Ballester” de Bueu. Conta cun único cano que verte sobre un pequeno estanque situado por baixo do nivel da rúa. O muro sobre o que se atopa a fonte ten un frontón gravado por riba do cano.

Localización (web): X 517.961 Y 4.685.995 Rúa Ramal dos Galos – Ramón Bares (Bueu)

San Martiño de Bueu

Con toda probabilidade a fonte estaba na mesma horta do cura, quizais onde se atopa hoxe o lavadoiro (o cano da antiga fonte pódese observar no burato do muro). Con anterioridade estivo posta na praia de Bueu, no lugar onde máis tarde se construiría a Praza de Abastos e antigas Lonxas.

Na actualidade, fonte situada na avenida de Ramón Bares da vila de Bueu. Está composta por unha peza cilíndrica de pedra con decoracións xeométricas. Conta cun único cano. Foi construída nos anos 30 do século XX.

Localización (web): X 517.538 Y 4.684.458 Rúa Ramón Bares – Bueu

San Martiño de Bueu

Á beira da estrada Alexandre Bóveda, nunha cota máis baixa, facendo esquina coa rúa Caripa. Preto do día de fin de ano de 1908 o concello acordou encargarlle ao arquitecto vigués Jacobo Estens executalas obras ao longo do vindeiro ano. Non será ata 1926, sendo alcalde Camilo Davila Davila, cando comeza a súa primeira remodelación. En 1930 o alcalde Domínguez Cabanillas ordena aos veciños a limpeza do álveo que leva auga ao lavadoiro da Banda do Río. A construción do lavadoiro cuberto para 20 prazas non se acometería ata 1954. No Faro de Vigo do 21 de febreiro de 1965 podemos ler: “A primeiras horas da madrugada, gran marusía que levou a area ata as casas da Banda do Río, socavando a cimentación do muro de contención, derribando a parte Oeste do muro, polo que as casas derrubáronse na zona limítrofe coa praia. A area taponou os sumidoiros dos regatos que verten na praia, producindo a inundación da zona que comprende a casa de José Ríos Cestay, lavadoiro e fonte, da que so víase algo de adorno da cima…”

O lavadoiro de gran tamaño, situado na Banda do Río na vila de Bueu entre medianeiras de edificios, foi reformado no ano 2019 en colaboración coa Deputación de Pontevedra. Conta cunha única pía con dúas pedras de lavar, unha a cada lado. Ten cuberta a catro augas de tella apoiada sobre oito piares de formigón. Ademais conta paneis con fotografías históricas do lavadoiro.

Localización (web): X 517.430 Y 4.686.240 Banda do Río – Bueu

San Martiño de Bueu

Con data inicial do 10-09-1949 existe un expediente de permuta, onde se fai cargo dos custos o Sr. Massó, de terreos (2 e ½ varas) para o “traslado e mellora” do lavadoiro de Amiriras/Amieiras. Isto suporía a rectificación do “regato do Bispo”, sendo o mestre canteiro Manuel Fontán. O lavadoiro vello tiña unha anchura de 9,5 m e estaba situado, máis ou menos, por onde se entraba á estacada, fronte á rúa Johan Carballeira. O emprazamento actual fica na rúa Pazos Fontenla, pegado ao Colexio Virxe Milagrosa. Tivo unha reforma no ano 1951 e no ano 2003, onde mudou o seu tellado.
As características do lavadoiro de gran tamaño son as seguintes: conta cunha única pía e cunha soa pedra de lavar. Ten cuberta a catro augas de tella con estrutura de madeira apoiada sobre doce piares de pedra granítica.

Localización (web): X 517.639 Y 4.686.131 Rúa Pazos Fontenla – Bueu

San Martiño de Bueu

Fonte que se localiza nunha desviación á dereita polo camiño da estrada que une O Valado coa estrada de Beluso e A Chadiza, camiño o Pazo de Santa Cruz. A auga da fonte dun só cano ven dunha mina e tamén está caneada para o lavadoiro. O lavadoiro foi construído de forma anexa, en pedra de pequenas dimensións e unha soa pedra de lavar.

Localización (web): X 517.085 Y 4.686.093 A Carrasqueira.

San Martiño de Bueu

Tamén se coñece como “Fonte da Cachopeira” (topónimo existente en Resille (Cela) preto da fonte de Nogueira e en Chans-Campo das Cachopas). No ano 1952 tramítase por parte do concello a condución de auga e construción da fonte da Cachopeira no Valado. Esta conta cun so cano situado sobre un muro de pedra rematado con frontón curvo. Para acceder ao cano faise a través dun chanzo de pedra. Ademais, o perímetro da fonte péchase lateralmente cun banco de cantería granítica. Preto da mesma fica o Cruceiro no Enleito.

Localización (web): X 517.363 Y 4.685.534 Enleito – Cachopeira – Ramorta.

San Martiño de Bueu

Este lavadoiro de tamaño medio aproveita as augas do regato Barca que baixan de Souto para morrer na praia de Loureiro. Para acceder a el, hoxe en día oculto polos edificios da contorna, existe un camiño ao que se pode acceder en coche ou a pé. Conta cunha única pía cunha pedra de lavar. Ten cuberta a unha auga de tella apoiada sobre seis piares de pedra granítica. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 518.666 Y 4.686.628 Loureiro

San Martiño de Bueu

Sitúase na subida que de San Antonio vai para o cruce da Casela e Outeiro. Para acceder a el hai que baixar uns chanzos. Ademais conta con pousadoiro. Ten un so cano que brota dun muro de cantería granítica sobre un pequeno estanque.

Localización (web): X 518.505 Y 4.684.558 Meiro.

San Martiño de Bueu

Estanque de gran tamaño situado á beira da estrada no núcleo de Meiro. Conta cunha única pía de grandes dimensións da que sae un cano que brota auga directamente sobre o camiño.

Localización (web): X 518.741 Y 4.684.156 Meiro

San Martiño de Bueu

Esta é unha das fontes, xunto coa de “Regenjo” en Cela que ao longo da súa existencia tivo máis traslados e conseguintes preitos. O primeiro do que temos constancia data de 1924 no que houbo unha denuncia de Benito González Santos contra Manuel Estevez por danos na fonte ao cal non afrontou finalmente responsabilidades polo feito. En 1945, existe un traslado e mellora da fonte, sendo esta trasladada 50 metros máis abaixo. En Cela, na curva de Freande, na Ramorta e en Ermelo tamén existe o topónimo Pereguisa, que ven a ser fonte que bota pouca auga (preguiceira).

Localización (web): X 518.235 Y 4.685.999 O Norte.

San Martiño de Bueu

Na curva de Meiro. Temos constancia da súa existencia dende o s. XVIII. Precisamente en 1757 citase á Confraría das Ánimas con estes bens. En decembro de 1803, o cura de Bueu afora aos veciños de Meiro, entre outras, “… terra labradío sita no Prado Deira da dita fonte de Outeiro do referido Lugar de Meiro” (recollido por Arturo Sánchez Cidrás en O Candil).

O lavadoiro é de gran tamaño, situado no núcleo de Meiro. Conta cunha única pía cunha pedra de lavar. Ten cuberta a unha auga de tella apoiada nun muro de cantería granítica. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 518.532 Y 4.684.272 Outeiro – Meiro

San Martiño de Bueu

O lavadoiro, de inicios da década dos 80, atópase na baixada que da cruz do Outeiro hai cara a Barraca, a continuación da horta onde fica o cruceiro de Portas. Conta cunha única pía cunha pedra de lavar. Ten cuberta a unha auga de tella apoiada sobre catro piares de pedra granítica. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 518.656 Y 4.685.701 Portas – Outeiro.

San Martiño de Bueu

Podemos dar con el no cruce de A Portela a Meiro. Ten inscrito o ano 1957. O lavadoiro, de tamaño medio, está situado á beira da estrada no núcleo de Portela. Conta cunha única pía cunha pedra de lavar. Ten cuberta a unha auga de fibrocemento apoiada sobre vigas e piares de formigón armado. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 518.132 Y 4.683.625 A Portela

San Martiño de Bueu

Á beira da Ponte de Trasouto, camiño dos muíños do Canudo. A localización actual é relativamente recente. Nunha das columnas aínda está o que nos anos 1950 era preceptivo dos fondos de axuda aos municipios. Lavadoiro de tamaño medio que conta cunha única pía e cunha pedra de lavar. Ten cuberta a catro augas de tella apoiada sobre seis piares de pedra granítica. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano que provén directamente dun regato próximo.

Localización (web): X 517.992 Y 4.684.833 Trasouto

San Martiño de Bueu

Para achegarse a el pódese ir polo camiño que do Valado vai cara A Graña. Este aproveita as augas do río Bispo. A cuberta e lavadoiro, de gran tamaño, foi construída no ano 1950. Conta cunha única pía e cunha pedra de lavar. Ten cuberta a dúas augas de tella apoiada sobre doce piares de pedra granítica. A auga que lle chega ao mesmo brota dun pequeno cano nun dos muros perimetrais do lavadoiro.

Localización (web): X 517.632 Y 4.685.336 O Valado

San Martiño de Bueu

Localízase no lugar de A Barca – Barreiros. Podemos acceder a este con facilidade por estar a poucos metros da estrada xeral Bueu-Cangas. Xa en 1912, Modesta de la Rúa Barreiro presenta unha instancia solicitando que se aclarasen os deslindes cunha finca da súa propiedade, pois así evitaríanse nun futuro, prexuízos como os que nese mesmo ano lle produciu a reconstrución do lavadoiro que recolle augas da dita fonte. Na documentación da fábrica da freguesía de San Martiño de Bueu, recollida por Arturo S. Cidrás figura o seguinte: “1/4 Fonte de Barca 3, a c. Bartholomé Outeiro 3 pan. Paga de FORO por todas estas terras a D. Joseph la Rúa 6 fs. Mediado e 12 de trigo”. Mais a construción do lavadoiro actual data do ano 1920, contando cunha pila de granito e sendo este lavadoiro mellorado nos últimos anos. A barca como topónimo tamén o atopamos no linde sueste de Ermelo con Moaña.

Localización (web): X 518.141 Y 4.686.137 A Barca.

San Martiño de Bueu

Entre o camiño de Loureiro e as Meáns, por riba da estrada xeral Bueu-Cangas. O cano recolle augas dos mananciais do Redondo e Arrodeadas. A fonte é de granito con pila labrada. En fornacina de cantería granítica de peche de parcela con remate de molduras. Flanqueada por dous bancos de granito con lousa moldeada.

Localización (web): X 518.465 Y 4.686.596 As Meáns

San Martiño de Bueu

Franqueada por muros no frontal e laterais. No lado dereito hai un banco de pedra con zona que ben puidera servir de pousadoiro. O lavadoiro é de cantería con cuberta de fibrocemento sobre estrutura de formigón.

Localización (web): X 517.920 Y 517.920 A Graña

San Martiño de Bueu

Lavadoiro de titularidade privada. Con toda probabilidade a fonte estaba na mesma horta do cura, quizais onde se atopa hoxe o lavadoiro (o cano da antiga fonte pódese observar no burato do muro). Lavadoiro de formalización mínima con lousas de granito sen labrar.

Localización (web): X 517.535 Y 4.685.492 Rúa Ramón Bares

San Martiño de Bueu

Seguindo a documentación correspondente a esta fonte, observamos denominacións como “Amieliño”. A fonte sufre unha reforma no ano 1926 e no seguinte ano Manuel Fontán Barreiro, constrúe o lavadoiro. A remodelación deste, en forma cuberta, faise en 1953 por José Palmeiro. No mes de outubro de 2019, realizáronse sendas obras de recuperación do lavadoiro cunha inversión aproximada de 15.500 €. Fonte e lavadoiro, de gran tamaño, na base dunha escorrentía en cantería e encastrado a carón dun peche dunha parcela. Fonte sinxela con frontal liso de cantería de granito, rematado con moldura.

Localización (web): X 518.105 Y 4.685.784 Soutelo.

San Martiño de Bueu

No ano 1924 entra polo rexistro do concello unha solicitude de Juan Avilleira para que se arranxe o lavadoiro e a fonte do lugar. No frontal de pedra existe unha lenda que di “Año de 1929”. O lavadoiro é de gran tamaño, de pedra de cantería, con cuberta en bo estado. O lavadoiro conta cun banco de perpiaño de granito.

Localización (web): X 518.298 Y 4.685.527 Cividá

Fontes e lavadoiros non incluídos no PXOM

Fontes De Santa Maria De Beluso:

Fonte Lavadoiro De Achadiza. 1950
Lavadoiro De Soutelo Ou Da Ponte 1930
Fonte De Birtacabazos Ou Setecabazos 1987
Fonte Lavadoiro De Lagoeiro 1951
Fonte De Sartaxéns
Fonte De Sobalo
Lavadoiro De A Vela
Fonte De Chan De Esqueiros
Fonte De Ancoradoiro 1847
Fonte Lavadoiro De Covelo
Fonte De Requeixo Ou Das Leiras
Fonte Lavadoiro Das Almuíñas
Fonte De Sanamedio
Fonte Lavadoiro De Caberteña

Fontes De San Martiño De Bueu:

Fonte Do Cano
Fonte Da Barriada De Pescadores
Fonte De O Valado
Fonte De Rabolongo
Fonte De Santos Reis
Fonte De Necoriña
Fonte De Ramorta De Abaixo
Fonte De San Martiño
Fonte De Lagoeiro
Fonte Da Cereixeira
Fonte De Arrodeadas
Fonte Do Redondo
Fonte De Xexide
Fonte Do Outeiro
Fonte Dos Cabalos
Fonte Da Canexa
Cano Das Maruxas
Fonte De Laxiñas. 1752?
Fonte Do Campo De Meiro
Fonte Lavadoiro Da Lagarteira
Fonte Da Crega Ou Da Costa
Fonte Do Regueiriño
Fonte Da Casela
Lavadoiro Do Cura
Fonte Da Abilleira

Fontes De San Xaquin Da Illa De Ons:

Fonte De Caniveliñas Anos 90
Fonte Lavadoiro De Pereiró 1960
Fonte Lavadoiro De Canexol
Fonte Lavadoiro Do Cano
Fonte Lavadoiro De Cucorno
Fonte Do Faro
Lavadoiro De Entenza Anos 60
Fonte De Curro Anos 60
Fonte Do Castelo
Fonte Da Praia Das Dornas Anos 80
Fonte De Gaiteiro Anos 90
Fonte De Ignacio Anos 90
Fonte Lavadoiro De Centulo

Fontes De Santiago De Ermelo:

Fonte Nova 2021

Fontes De Santa Maria De Cela:

Fonte De Queimaño
Fonte Lavadoiro Da Morqueira
Fonte De San Martiño 1802
Fonte Da Gándara
Fonte Das Carreiras
Fonte Do Souto-Remedios
Fonte Área Do Río
Fonte Lavadoiro Da Lavandeira
Fonte Do Igrexario
Fonte De Fontiñas 1940
Fonte De Pombal Ou Meicides
Fonte Lavadoiro De Tinxeberzas. Primeiro Tercio ´Seculo Xx
Fonte Das Albas Ou Quintas 1884
Lavadoiro Do Regueiro Ou Outeiro
Fonte Lavadoiro Da Nogueira 1965
Fonte Da Miranda
Fonte Lavadoiro Do Habano 1927
Lavadoiro Da Senra
Fonte De Pescadores 1930
Lavadoiro De Xoalde
Lavadoiro De Sabarigo
Fonte Da Paradela Ou Cachopas. S.xvii
Fonte Lavadoiro De Fonte Alta De Riba. 1919