Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como de Purro, atópase na Avda de Montero Ríos ao carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente á historia marítima recente do Concello de Bueu. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e se formaron moitos profesionais e veciños; nela construíronse infinidade de embarcacións, algunhas delas en activo.

O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente do noso concello. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.

A rehabilitación supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico previsto e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo.
Ademais a conservación deste patrimonio marítimo contribuirá á diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima, cara actividades de turismo sostible e creación de emprego no sector turístico e cultural, a través do impulso de actividades de índole cultural e turística. Actualmente atópase en fase de rehabilitación.

Acceder á web : Estaleiro da Banda do Río