Premios e recoñecementos
I Certame de Pintura «Otero Baena» para artistas noveis.
O Concello de Bueu, no marco da súa aposta pola cultura e co obxectivo de dar a coñecer a figura do artista local José Benito Otero Baena, convoca o I Certame de pintura “Otero Baena” do Concello de Bueu para artistas noveis. O certame vai dirixido a todos/as aqueles/as artistas noveis, maiores de 18 anos, cuxa obra presentada terá que ser inédita e orixinal.
Premio Johán Carballeira de Poesía
O Premio Johán Carballeira de Poesía nace no ano 1996 auspiciado polo Concello de Bueu, coma una homenaxe ao que fora alcalde de Bueu antes da Guerra Civil, e tamén poeta e xornalista, Johán Carballeira. Nel poden concorrer a tódalas autoras e autores que presenten os seus orixinais escritos en lingua galega. Os textos, cuxa extensión deberá superar os 400 versos, terán que ser inéditos e non estar premiados en anteriores convocatorias do premio nin en ningún outro concurso de poesía (de suceder isto con posterioridade á presentación dos traballos, o/a autor/a deberá comunicarllo inmediatamente á organización). O gañador/a publicará a súa obra na Editorial Xerais, e darase a coñecer todos os anos nas Letras Galegas.
CONVOCATORIA-BASES-XXVII-PREMIO-JOHAN-CARBALLEIRA-DE-POESIA-DO-CONCELLO-DE-BUEU
Premio Johán Carballeira de Xornalismo
O Premio Johán Carballeira de Xornalismo créase no ano 2002, e busca recoñecer aqueles traballos xornalísticos publicados en medios impresos ou dixitais que estean escritos en lingua galega. O certame, que valora especialmente os xéneros nos que destacou Johán Carballeira, como a reportaxe ou a entrevista, está dotado con 1500 €.
CONVOCATORIA-BASES-XXI-PREMIO-JOHAN-CARBALLEIRA-DE-XORNALISMO-DO-CONCELLO-DE-BUEU
Certame de Relatos de Muller Matilde Bares
O Certame de Relatos de Muller Matilde Bares creouse no ano 2005 dende o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Bueu. A súa orixe radica no recoñecemento á figura de Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións en Bueu, ademais de ser organizadora de actividades culturais e grupos de teatro.
O premio sufriu unha interrupción no 2011 e vén de recuperarse de novo neste ano 2017, cando se celebra a oitava edición. O premio recoñece relatos que fomenten a igualdade de xénero e reflexionen sobre temáticas arredor da muller. Está dotado con 1500 € para o gañador/a.
BASES-XI-CERTAME-DE-RELATOS-DE-MULLER-MATILDE-BARES
Extracto-bases-boppo-certame-relatos-de-muller-matilde-bares
Nomeamento de José Novas Regueira como Fillo Predilecto de Bueu
José Novas Regueira foi nomeado Fillo Adoptivo de Bueu no ano 1997, en agradecemento pola labor realizada a través da Fundación Novas, entidade sen fin de lucro de interese galego, que facilitou que varios rapaces/as da parroquia de Beluso, de onde el era nado, puidesen continuar os seus estudos. Así mesmo, colaborou tamén CEIP de Beluso na Semana Cultural, e fixo varias doazóns á Biblioteca de Beluso, pertencente ao Concello de Bueu.
José Novas Regueira naceu o 21 de setembro de 1921 na parroquia de Santa María de Beluso, aínda que emigrou moi pronto aos Estados Unidos. A súa vida profesional estivo moi ligada ao ámbito da publicidade, fundando en 1953 a súa propia empresa de comunicación, “Larradiotel”, a que se converte na primeira distribuidora de programas de televisión en Latinoamérica.
No 1958 funda Publicidad Novas C.A., e a causa da súa fusión con outra axencia de publicidade nace a Axencia Novas – Criswell no 1962, que se espallaría rapidamente por varios países.
No 1994, a Fundación benéfico – docente Novas foi declarada de interese galego. Esta fundación creárase no 1993 cos obxectivos de conceder bolsas e axudas a mozos/as do Concello de Bueu, con preferencia para os nacidos en Beluso de excelente expediente académico e escasos recursos económicos, para así posibilitar o acceso a estudos superiores.
Nomeamento de D. Fernando de la Rúa como Fillo Adoptivo de Bueu
(FOTO)
D. Fernando de la Rúa é un neto de Bueu, nacido xa na cidade departamental de Bos Aires, aínda que sempre tivo a terra dos seus devanceiros moi presente, motivo polo cal foi nomeado Fillo Adoptivo de Bueu no ano 1998.
D. Fernando de la Rúa dedicou a súa traxectoria persoal a diversos cargos, como foi o do goberno da cidade de Bos Aires, aínda que sempre reivindicou as súas raíces, como expoñente de convivencia e entendemento pacíficos no normal desenvolvemento dos pobos. Na súa vida afianzouse o espírito da terra que tantas veces cantou a nosa poeta Rosalía de Castro, polo que nos seus discursos e intervencións públicas aludía ás súas orixes galegas.
Nomeamento de Staffan Mörling como Fillo Adoptivo de Bueu
Staffan Mörling, recoñecido etnólogo sueco que pasou a súa vida en Bueu (moi vinculado ás Illas Ons) foi nomeado Fillo Adoptivo da nosa vila en xaneiro do 2006, en agradecemento polo enorme traballo de investigación e divulgación a prol das embarcacións tradicionais gallegas. Namorado das Illas Ons dende que embarcou nelas por primeira vez, casou con Josefa Otero, muller natural da Illa, xunto á que levou a cabo diversos traballos relacionados coa forma de vida desta espazo.
Profesor do Instituto de Historia e Cultura Naval, é autor dun libro titulado “As embarcacións tradicionais de Galicia” (o libro foi editado en 1989 pola Consellería de Pesca), onde fai un estudio exhaustivo dunha importante “ferramenta” dos pobos que dependen do mar. Este libro é xa un clásico dentro do estudo das embarcacións tradicionais. O autor, en colaboración coa súa muller, aplicou as teorías da nova etnoloxía, de orixe danesa, ao amplo material antropolóxico recollido polos dous na illa de Ons, publicando a obra Alá, no medio do mar. A comunidade da illa de Ons (2013).
O recoñecemento do pobo de Bueu a Staffan Mörling maniféstase tamén no nomeamento da antes coñecida como Rúa dos Institutos co nome deste estudoso sueco con forte presenza na vila morracense.
Nomeamento de Don Juan Veiga Alfonso como Fillo Adoptivo de Bueu
Don Juan Veiga Alfonso foi nomeado Fillo Adoptivo de Bueu no 2017. Este profesional da saúde traballou ininterrompidamente durante 44 anos na vila de Bueu desempeñando distintos postos no ámbito da saúde, tanto como practicante, ATS ou mesmo enfermeiro.
A súa andaina na vila morracense comeza no ano 1973, cando un mozo e ilusionado Juan Veiga chega para facer unha substitución do practicante titular. Dous meses iniciais que se suceden cunha interinidade para logo, tras ter aprobado as oposicións en Madrid, tomar posesión como enfermeiro titular de Asistencia Pública Domiciliaria.
As limitacións do sistema daqueles anos fixeron que, ante a demanda de poboación, Juan Veiga establecese unha consulta propia que dera resposta ás necesidades sanitarias que non podían ser cubertas por un sistema sanitario precario. Nestes primeiros 16 anos vai dedicarse completamente a este traballo, polo que non colle nin sequera vacacións.
Á parte do eido sanitario, Don Juan Veiga implicouse na vida social e sempre se mostrou disposto a colaborar con calquera entidade que solicitaba a súa participación en calquera esfera social. Tal é o caso do cargo que desempeñou no Clube de Remo Vila de Bueu, do que foi remeiro, patrón e presidente. Tamén formou parte do equipo de fútbol sala da Casa do Mar, composto por profesionais do eido sanitario, e ata foi profesor de música informal apoiando á rapazada inqueda da Banda do Río.
Esta persoa tan querida polo pobo de Bueu ten dende o 2017 unha rúa que leva o seu nome, concretamente a que conecta o Centro de Saúde coa PO-551.
Nomeamento honorífico da corporación municipal de Bueu do ano 1936
O Concello de Bueu nomeou membros honoríficos predilectos aos doce concelleiros da corporación do 1936 e membro honorífico adoptivo ao daquela alcalde José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.
Este acto de homenaxe, aprobado no pleno do 25 de agosto de 2012 a petición da Asociación de Amigos Johán Carballeira, ten sentido debido a que en decembro de 1936 se celebraron dous consellos de guerra, nos cales se impuxeron severas penas de morte contra vinte e seis veciños, entre os cales estaban o alcalde e varios concelleiros. Ademais, tamén foron paseados cinco veciños cando intentaban fuxir dos calabozos, entre eles dous concelleiros. Os motivos tamén recordan que foron paseados dous veciños, o tenente alcalde e o tesoureiro municipal cando estaban detidos polos sublevados. Tras estes tráxicos sucesos tírase a conclusión de que os trece membros da corporación municipal que encabezaba Johán Carballeira foron represaliados, de aí a razón de ser deste acto.
Así, adoptouse o nomeamento de membros honoríficos predilectos aos concelleiros Francisco Piñeiro Barreiro, Franscisco Escaneo Franco, Francisco García Villanueva, e membros honoríficos a José Bernárdez Santaclara, Francisco Padín Novas, Ramón González Soliño, Manuel Casaleiro Pereira, José Estévez Villar, José Rodríguez Estévez, Ramón Pastoriza Gestido e Manuel Gutiérrez López, e membro honorífico adoptivo (por non ser nado en Bueu) a José Gómez de la Cueva. Ademais, tamén se realizou unha mención especial ao tesoureiro municipal, Ricardo Gómez Buceta, debido ao agravio público e persoal ao que foi sometido con atentados e mentiras sobre o exercicio do seu cargo, polo que foi acusado de roubo co mero propósito de colocar a unha persoa afín ao réxime no seu posto.