O Concello mellora a accesibilidade e a mobilidade no Camiño do Norte

O Concello de Bueu vén de culminar as obras de formigonado no coñecido como Camiño do Norte, que consistiron na aplicación dunha soleira de formigón de máis durabilidade e resistencia en dous tramos do vial, que suman preto de 200 metros. Félix Juncal, alcalde da vila, destaca que esta actuación forma parte do programa de mellora de firmes na rede viaria municipal, cuxo obxectivo é mellorar a accesibilidade e a mobilidade da veciñanza do lugar.

Así mesmo, o Concello tamén está estudando que o tramo que continúa cara á Cividade se poida ampliar nas partes máis estreitas, ademais de retirar ou desprazar un poste de media tensión de Naturgy, co que se conseguiría garantir a entrada de vehículos de emerxencias.

Ao remate destas obras, o plan continuará co arranxo do Camiño de Sobalo, na parroquia de Beluso, no cal se ampliou hai meses a rede de saneamento.