O Concello de Bueu presenta a exposición «En Bueu, onde se non?» de Salvador Santos ‘Charri’
- A mostra inaugúrase o venres 17 de xullo, ás 20.00 horas no Centro Social do Mar
- Este proxecto recolle fotografías de vinte e tres persoas que levan a cabo diversos labores sociais
A Sala Amalia Domínguez Búa acollerá entre o 17 e o 31 de xullo a exposición «En Bueu, onde se non?», de Salvador Santos ‘Charri’, e na que se recollen fotografías de vinte e tres persoas que levan a cabo diversos labores sociais. O acto inaugural será o venres 17 de xullo ás 20.00 h no Centro Social do Mar e nel participarán os e as protagonistas.
A mostra nace co obxectivo de visibilizar o labor social de homes e mulleres da vila que, coa súa xenerosidade, axudan a construír Bueu e a facelo “un pobo mellor”. A través das súas fotografías, Charri pretende achegarnos as imaxes e as vidas dalgunhas persoas grazas ás que a vila bueuesa medra e se constrúe nos seus múltiples eidos, como a cultura, a literatura, o cine, as festas, o fútbol, o remo, o balonmán, o atletismo, a sanidade, o ensino, a investigación, as artes, a memoria histórica,
Este fotógrafo afeccionado leva un ano traballando neste proxecto que agora se recompila nesta exposición que tamén inclúe un pequeno libro con algunhas vivencias e lembranzas destas persoas, que se configurou a partir das conversas que o propio fotógrafo mantivo con elas.
Salvador é o artífice desta exposición. Nacido en Bueu en 1953, “Charri”, como é máis coñecido, criouse nunha familia mariñeira humilde. De neno empeza a traballar na pesca de baixura ao cerco no barco “Cadilla”, de mariñeiro co seu pai. Posteriormente foi de marmitón ao bacallau e aí empeza o seu percorrido polos diferentes caladoiros do Grand Sole, Nova York, Canarias, Sudáfrica ou Arxentina, entre outros.
Estivo no barco “Ancoradouro” de Jesús Tenorio de Moaña, e xubilouse no 2007 despois de 38 anos cotizados. A súa paixón pola fotografía levouno a formar parte do colectivo Abrenoite, co que fixo a serie “Mariñeiros”. No ano da pandemia rendeulle homenaxe aos sectores esenciais na mostra “Esenciais”, que se puido ver no Estaleiro de Purro, no 2024, aos deportistas da vila coa exposición “Orgullosos do noso” na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa, e no 2025 con “Mareas de sabedoría” dedicado ás persoas maiores de 90 anos. O seu traballo vincúlase moito coa memoria da vila a través das súas xentes.
