Mural elaborado en 2021 pola artista arxentina Milu Correch co título de “A contradición como potencia” no marco do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. O mural amosa a importancia da sororidade e mostra dúas figuras femininas abrazadas, arroupándose e apoiándose nunha escena na que se intúe unha situación de vulnerabilidade e abatemento por parte dunha delas.
Catálogo de murais urbanos
Con motivo do Ano José Suárez, que declarou o Concello de Bueu en 2026, no mes de xullo a artista portuguesa Mariana Duarte Santos, realizou este mural na entrada principal do Centro Social do Mar. A obra recrea unha das imaxes realizadas polo propio Suárez en Bueu en 1936 dentro da súa serie “Mariñeiros”, que estivo exposta por primeira vez na vila noventa anos despois. Caracterizada polo seu hiperrealismo, a obra representa dous homes portando as redes nas súas costas na praia da Banda do Río. É un retrato da identidade e da vinculación de Bueu e das súas xentes co mar, homenaxeando o seu traballo.
Mural elaborado en 2022 polo artista grego Thomas Apostolou, empregando o debuxo lineal, reaccionando á xeometría do propio edificio tendo como resultado unha peza cun efecto visual tridimensional. A actuación estivo coordinada por Elena Bangueses, veciña da vila, historiadora da arte e xestora cultural.
Mural feito no 2020 polo colectivo Polo Correo do Vento e que destaca a figura de Pablo Herbello, ex xogador do Bueu Atlético Balonmán e que faleceu no 2013. A ilustración tamén recolle diferentes figuras masculinas e femininas realizando a variedade de disciplinas deportivas que se practican no pavillón. Tamén hai unha referencia a outro personaxe histórico do municipio, Pepe Dopazo, que foi conserxe da instalación durante moitos anos e que aparece cambiando unha lámpada.
Obra levada a cabo no 2025 na fachada traseira do CEIP Montemogos polo artista Alejandro López Casás. O mural está inspirado na fauna de Cabo Udra, tendo como elementos centrais o cormorán e o lagarto arnau gozando dun solpor.
Este mural foi elaborado en 2017 e nace dun proxecto do alumnado do IES Johan Carballeira na que fixeron unha reinterpretación do Guernica de Pablo Picasso, tomando como eixe central o drama das persoas refuxiadas que tratan de chegar a Europa fuxindo de situacións de guerra e violencia. Así, o seu título é “Guernica de Bueu”. O traballo contou coa dirección artística do ilustrador suízo afincado en Bueu Marc Taeger e parte dunha reflexión colectiva a partir da celebración do Día da Paz.
Mural elaborado en 2017 por Polo Correo do vento en homenaxe á época coñecida como “Gozosos Anos 30” coincidindo co paso por Bueu de diferentes personalidades entre elas Maruja Mallo, a protagonista deste mural. Recrea así a estadía da artista en Bueu mentres elabora o coñecido como Caderno de Beluso, diante de personalidades como o fotógrafo José Suárez, o xornalista, poeta e alcalde de Bueu Johan Carballeira e do ilustrador e publicista Federico Ribas.
Actuación realizada no 2022 polo artista Dominic Beattie que escolleu este lugar pola proximidade ao mar e as súas onda. Inspirándose nas vidreiras realizou unha ilusión óptica, escollendo o paredón sen aberturas pero cunha forma de ventá tapiada. O inglés empregou a técnica abstracta do patrón. Ao igual que a actuación anterior, tamén estivo coordinada por Elena Bangueses.
Mural realizado en 2019 no IES Illa de Ons por Xoana Almar e Miguel Peralta, froito do proxecto colectivo Cestola na Cachola. A obra coñecida como “Muller de Bueu” rende homenaxe á forza das mulleres do mar.
Mural feito no 2026 polo artista bueués Luís Davila, que traballou neste proxecto coa comunidade educativa do CEIP A Torre-Cela. A obra, situada no patio principal do centro, recolle a súa personaxe Dora xunto con libros escolares e referencias á parroquia de Cela, como a mascota do colexio ou a uva “tinta femia”.









