Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Centro de Interpretación de Agrelo acolle a exposición ‘A Campaña do Argus’

  • A mostra, multidisciplinar e de esencia mariñeira, enmárcase no proxecto Pasaporte REMA e acolle fotografías de Alan Villiers, reporteiro do National Geographic Magazine e oficial da Armada australiana
  • A exposición poderase ver ata o 5 de setembro de xoves a domingo entre as 11 e as 19 horas.

O Centro de Interpretación de Agrelo acollerá ata o 5 de setembro a exposición ‘A campaña do Argus’, unha mostra de fotografías realizadas polo reporteiro do National Geographic Magazine e oficial da Armada australiana, Alain Villiers, que se insire no marco das actividades programadas pola Rede de Espazos con Contido Museístico Atlántico (REMA).

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo de Bueu, participou este venres na inauguración desta exposición que acolle fotografías sobre a experiencia do autor a bordo do Argus, amais de exemplares da primeira edición do libro A Campanha do Argus, considerado un clásico da literatura infantil mundial e que retrata a campaña de pesca do bacallau. Así mesmo, na exposición proxectarase a película The Bankers- The Voyage os de Schooner Argus. No acto tamén estiveron presentes a presidenta do GALP Ría de Pontevedra, a xerente do mesmo grupo, o xerente do GALP da Costa da Morte e un representante da empresa de asistencia técnica, entre outras persoas.

Silvia Carballo salientou que “para o Concello de Bueu é moi importante contar con esta mostra nun centro que foi rehabilitado con axudas do GALP e que se encontra nunha zona moi transitada”. Laura Nieto, xerente do GALP Ría de Pontevedra, apuntou que “o Pasaporte Rema permítenos consolidar o traballo en rede e seguir afianzando a promoción dos museos relacionados co mar”.

Esta iniciativa, que se enmarca no proxecto Pasaporte REMA (financiada polo Fondo Marítimo de Pesca coa participación dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro), pretende poñer en valor a cultura mariñeira como elemento de unión, promoción e intercambio cultural entre as diferentes zonas costeiras atlánticas. Precisamente, este proxecto é posible grazas á cesión do Museo Marítimo de Ílhavo (Portugal), e permitiu que ‘A campaña do Argus’ transitase por diversos museos galegos, rematando a súa singradura en Bueu.

A exposición poderase ver ata o 5 de setembro no Centro de Interpretación de Agrelo, de xoves a domingo entre as 11 e as 19 horas.

Pasaporte REMA

O Centro de Interpretación de Agrelo adheriuse o pasado ano ao Pasaporte REMA, un proxecto financiado polo Fondo Marítimo de Pesca (FEMP), que ten como obxectivo desenvolver unha actividade turística creativa e adaptada á nova realidade. Para iso poñen en marcha unha serie de actividades informativas, formativas e culturais que se apoian nas novas tecnoloxías, como nova canle de aprendizaxe, entretemento, formación e promoción da oferta cultural dos espazos que compoñen a Rede.

O Centro de Interpretación de Agrelo, situado nas inmediacións da praia de Agrelo, inaugurouse no 2015. Este centro, cuxas obras de rehabilitación foron posibles grazas ás axudas do GALP, era o antigo matadoiro municipal de Agrelo e tamén se usou durante moito tempo como sede da protección civil.

O Concello decidiu apostar por este centro como un complemento do de Cabo Udra,e que contribúe a ser un referente do Bueu costeiro, para vincular a edificación con todos os recursos naturais, económicos e culturais do noso municipio. Este centro conta co distintivo de Centro Azul, concedido pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (ADEAC).