Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As rutas de sendeirismo de Bueu estréanse na rede

  • O Concello xa conta con perfil na aplicación Wikiloc, na que xa están dispoñibles sete percorridos para realizar en solitario
  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “levamos anos poñendo en valor o noso patrimonio natural e cultural e as rutas son fundamentais”

O Concello de Bueu estrea perfil en Wikiloc e mellora a sinalización en rede de sete rutas de sendeirismo na vila, o que permitirá que as persoas poidan realizalas en solitario e seguindo o trazado a través dun dispositivo móbil. Segundo apunta Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, “dende o Concello levamos anos traballando na posta en valor do noso patrimonio natural e cultural, e potenciamos un turismo sostible e respectuoso co medio ambiente, polo que as rutas cumpren un papel fundamental”.

Así, dende agora, as persoas que o desexen poden descargar a aplicación Wikiloc e localizar as sete rutas dispoñibles: Sendeiro do Litoral, Ruta dos Muíños, Ruta Arqueolóxica de Ons, Ruta dos Pazos, Ermelo, Chans de Cela e Ruta dos Abades, que suman entre todas preto de 30 quilómetros. Todas as rutas teñen unha dificultade moderada e a aplicación permite que se poidan realizar de forma autónoma, coñecendo o número de quilómetros, o tempo de duración, as altitudes e desniveis, o tipo de ruta e os elementos de interese nese percorrido.

Wikiloc é unha ferramenta web moi empregada nos últimos anos, pois permite crear un perfil individual no que se gardan as rutas que queremos realizar e as que xa fixemos, ademais de funcionar como un bo mecanismo de adestramento deportivo. A aplicación conta cunha versión libre e outra ‘premium’, sendo esta última a que adquiriu o Concello de Bueu para que as rutas estean dispoñibles sen límites entre as persoas usuarias. Ademais, este sistema permite descargar as rutas en dispositivos GPS, seguimento en vivo, navegación sen anuncios, meteoroloxía, ou organización de rutas.

Programa de rutas de sendeirismo

O Concello de Bueu continúa coas rutas de sendeirismo que se desenvolverán todos os sábados do mes de agosto e cuxo obxectivo é, como vén sendo habitual, dar a coñecer a contorna e fomentar hábitos saudables. As rutas arrancarán este sábado, 14 de agosto, polos Muíños, e continuarán o 21 por Udra, o 28 por Chans, e o 4 de setembro por Ermelo.

Non son estas as únicas rutas que se desenvolven na vila, senón que todos os venres ata o 17 de setembro as persoas interesadas en coñecer o Bueu máis mariñeiro poderán participar nas de “Sabor e mar”, unha serie de percorridos nos que tamén se degusta unha tapa mariñeira elaborada por unha cociñeira local. Neste caso, as inscricións teñen un custe de 6.00 euros por persoa.

Para todas estas camiñadas é preciso inscrición previa a través dun formulario web na páxina do Concello de Bueu ou no teléfono 986324457 (Oficina de Turismo).

Inscrición Rutas Sabor e Mar

Inscrición Rutas de sendeirismo

Horarios da Oficina de Turismo e do Centro de Interpretación de Agrelo

Como cada verán, a Oficina de Turismo, situada na Sala Amalia Domínguez Búa, está aberta ao público en horario de martes a domingo de 9 a 15.15 h. Así mesmo, préstase atención ás persoas visitantes no Centro de Interpretación de Agrelo durante o mes de agosto, de xoves a domingo entre as 11 e as 19 horas. Esta aula, que conta con distintivo azul, tamén acolle ata o 5 de setembro a exposición ‘A Campaña do Argus’, que se inclúe nas actividades de Pasaporte Rema do GALP e na que se dá a coñecer a pesca do bacallau.