Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo para a selección dun técnico/a de recursos humanos

  • As persoas interesadas en participar no procedemento selectivo deberán entregar a solicitude entre o 12 de xaneiro e o 8 de febreiro
  • No proceso selectivo valorarase a formación e a experiencia, amais de tres exercicios teóricos e prácticos
  • Na sede electrónica do concello https://bueu.sedelectronica.gal «Catálogo de trámites» – «Trámites destacados», existe un procedemento específico sinxelo que facilita e guía na presentación da solicitude de participación.

O Concello de Bueu pon en marcha o procedemento de selección para cubrir en réxime de interinidade unha praza de técnico/a en recursos humanos. As persoas interesadas en concorrer poderán presentar as solicitudes dende o 12 de xaneiro ao 8 de febreiro, despois de que se publicase o anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Segundo se indica nas bases, a persoa técnica de recursos humanos terá entre as súas funcións a tramitación e xestión da organización interna do traballo, a coordinación ordinaria en materia de retribucións e seguridade social do persoal municipal, a colaboración cos tribunais de selección coa tramitación dos expedientes de selección e acceso de novo persoal, a elaboración e implementación dos procesos de promoción interna e provisión de postos de traballo, o seguimento e colaboración cos plans de seguridade e saúde laboral que o Concello poña en marcha, a xestión, planificación e seguimento dos plans formativos, e a actualización constante do Rexistro de Persoal, entre outras.

No proceso de selección valoraranse a formación académica e complementaria e a experiencia profesional, e despois deberán superarse tres probas na fase de oposición. A primeira delas, de tipo teórico, consiste en dar resposta a preguntas relacionadas co temario e as materias incluídas nas bases, e na segunda, as persoas aspirantes deberán resolver un ou varios supostos prácticos, o que permitirá avaliar a capacidade para desenvolver as tarefas relacionadas co posto de técnico/a de recursos humanos. Na terceira e última comprobarase o coñecemento da lingua galega, polo que se proporá a tradución directa ou inversa dun texto en castelán ou galego.

Este procedemento tamén permitirá elaborar una listaxe de reserva ou agarda coa que se poderían cubrir necesidades de emprego de carácter interino ou temporal.

As bases completas poden descargarse a continuación: