Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A comarca do Morrazo réndese ante a #morrazoterapia

  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, participaron na rolda de prensa de presentación deste proxecto promovido dende a Mancomunidade
  • A campaña leva por lema #morrazoterapia e pretende que as persoas visitantes conten cunha guía única de todo o Morrazo na que se recollen recursos, eventos e outros plans

A web www.turismodomorrazo.gal será a porta de entrada para potenciar o turismo e os recursos naturais dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña, grazas a un proxecto que se presentou este mércores nun acto ao que asistiron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, edil de promoción económica e turismo, amais de responsables dos demais municipios da comarca e da empresa encargada de levar adiante os traballos.

Turismo do Morrazo é un proxecto que naceu dende a Mancomunidade de Concellos do Morrazo para poñer en valor toda a riqueza natural, histórica e patrimonial dos concellos de Bueu, Cangas e Moaña. Unha iniciativa para realzar e dar a coñecer as manifestacións culturais, artísticas, de lecer, así como a rica e variada gastronomía dos tres municipios. Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “no Morrazo non eramos conscientes das potencialidades da propia comarca, o que se consegue con esta campaña que coincide cunha nova etapa de ilusión nunha Mancomunidade revitalizada”. O rexedor mostra a súa satisfacción ante un “gran proxecto” que demostra que o ente supramunicipal significa algo máis que “a recollida dos residuos”.

Segundo destacan dende a empresa “o obxectivo é contar cunha guía integral para que as persoas visitantes teñan á man todo o que necesitan saber do Morrazo, e que sintan que esta tamén é a súa casa” Por iso se concibiu unha ferramenta que conta con toda a información de valor para facer da súa estadía no Morrazo unha experiencia única e irrepetible.

Ademais da web, o proxecto conta cunha campaña en redes sociais, polo que as persoas xa poderán atopar páxinas en Facebook (@Turismodomorrazo), en Instagram (@turismomorrazo), en Twitter (@Turismo_Morrazo) e en Youtube (Turismo do Morrazo), nas que se ofrecerán contidos visuais de calidade para provocar a interacción coa comunidade de seguidores.

Como eixo temático da campaña tamén se elaborou o concepto #morrazoterapia, co que se pretende impactar a todas aquelas persoas que viven apuradas no seu día a día, sen percatarse de que moi preto teñen unha vía de escape na que poden vivir uns días de calma, experimentar aventuras en familia ou gozar dunha gastronomía de calidade durante todo o ano.