O IV Plan para a Igualdade de mulleres e homes (2018-2021) do Concello de Bueu foi un temas que se aprobou por unanimidade na sesión plenaria do 18 de xaneiro de 2018. Este plan, que é unha continuación dos tres anteriores, aborda unha unha política integral de promoción da igualdade entre homes e mulleres. Neste sentido, incorporará a transversalidade na perspectiva de xénero en tódalas áreas municipais, e como tal requirirá da participación e implicación das diferentes concellerías, que incorporarán na súa planificación anual, os obxectivos e accións que se pretenden desenvolver a partir do conxunto de actuacións que se presentan.

Aínda que as áreas de actuación camiñan na liña das de plans anteriores (educación e cultura, formación e emprego, ocio e deporte, participación política e social, saúde e benestar, conciliación da vida laboral, familiar e persoa, e violencia de xénero), incidirase de maneira especial na educación como chave para cambiar a mentalidade, así como para mellorar a coordinación entre todos os axentes implicados na loita contra a violencia de xénero.

Os obxectivos concretos son desenvolver políticas e medidas para eliminar a discriminación das mulleres e propiciar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, introducir a visión da igualdade en todas as políticas que se desenvolvan dentro do ámbito municipal, e promover a participación da muller nos ámbitos da vida social, económica, laboral, cultural e política do noso municipio.