Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O proxecto ‘Bueu, gozosos anos 30’ será protagonista da próxima edición do Culturgal

Os Gozosos Anos 30, a actividade multidisciplinar que a concellería de cultura de Bueu puxo en marcha o pasado ano no mes de abril, chegarán ao pazo da Cultura de Pontevedra durante a feira galega das industrias culturais (Culturgal) que vai ter lugar entre o 29 de novembro e o 1 de decembro. O responsable da política cultural municipal, Xosé Leal, acudirá ao posto que a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia para falar sobre a filosofía do evento que aglutinou conferencias, exposicións, homenaxes, e música durante unha festa de época na que se ambientou a praza Massó recordando os anos da II República. Ademais tamén introducirá algunha das novidades que se levarán a cabo o vindeiro ano, no que se pretende dar continuidade ao proxecto que terá lugar entre o 11 e 17 de abril, e que volverá a dar o protagonismo a persoas relevantes do ámbito local e de fóra del que fixeron de Bueu un referente cultural da época. Leal estará acompañado polos integrantes de Polo Correo do Vento, que foron os encargados da elaboración para o Concello dun libro infantil e un espectáculo de contacontos que mostra a época dos Anos 30 , ademais de ter realizado dous murais na biblioteca de Beluso e na Torrente Ballester.

Ademais da presenza física do libro e da presentación das xornadas, que previsiblemente terán lugar o sábado ás 19.15 h, o goberno local levará un vídeo do Fic Bueu, na liña de seguir promocionando tamén os grandes eventos que desenvolven algúns dos colectivos máis importantes da vila.

Cinco anos participando

Precisamente a primeira incursión do concello no Culturgal cunha presentación foi en 2015 na que o director do certame de curtametraxes Manuel Pena foi convidado polo goberno local para falar da cita bueuesa coa sétima arte. Nese ano ademais tamén houbo espazo para un vídeo das Alfombras Florais, a revista de Os Galos, para os libros dos certames Matilde Bares e Johán Carballeira e para a inciativa de recuperación do patrimonio Ermelo cerne do Morrazo. No 2016, ano do patrimonio para o departamento de Cultura provincial que dirixiu Xosé Leal ata maio deste ano, o Concello apostou por falar sobre o patrimonio histórico-industrial da salgadura con Arturo Sánchez Cidrás en relación á súa aportación ao libro colectivo Travesía por tres momentos da historia de Bueu, no seguinte ano coa posta en valor dos premios literarios dentro do Ano da Lingua e no 2018 fíxose unha conxunta con Cangas e Moaña baixo o epígrafe Morrazo é Jazz onde se falou do festival internacional de Jazz de Bueu.