Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu repartirá esta semana un cento de composteiros individuais entre a veciñanza

  • Os COIN son cedidos pola Deputación de Pontevedra e por Sogama e permitirán que se incremente o número de veciñas e veciños adheridos ao programa
  • Organízanse dúas charlas informativas que terán lugar o martes e mércores ás 19.00 h no Centro Social do Mar, nas que tamén se fará reparto dos composteiros

O Concello de Bueu repartirá esta semana un cento de composteiros individuais (COIN) entre a veciñanza da vila. Así, segundo avanzan desde a concellaría de medio ambiente, organizarase dous actos que incluirán sendas charlas informativas e o propio reparto dos composteiros, e que terán lugar o martes e mércores ás 19.00 h no Centro Social do Mar. A eles están convocadas as persoas que se inscribiron nos meses pasados, e coas que xa se contactou telefonicamente.

Os composteiros que se van entregar foron cedidos pola Deputación de Pontevedra e pola Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA). Os obxectivos son principalmente tres: tratar por compostaxe a fracción orgánica producida nas vivendas, reducir a entrada no circuíto de xestión do lixo do concello de calquera tipo de residuo orgánico biodegradábel, e prover dos materiais necesarios para implantar o tratamento ‘in situ’.

Non é a primeira vez que o Concello de Bueu reparte estes contedores entre a cidadanía. Xa ao comezo do mandato anterior se entregaron medio cento deles, ademais de apostar pola instalación de dous centros de compostaxe comunitaria a través do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra, situados na zona das Lagoas e na rúa Xosé María Estévez, que contan cunha gran aceptación social. Por este motivo, e dado que o proxecto avanza a bo ritmo, desde a concellaría dirixida por Tamara Sotelo anuncian que se están estudando novas áreas para a instalación de máis composteiros comunitarios. As cifras do último ano demostran que das dúas áreas de composteiros comunitarios se recolleron vinte e seis toneladas entre materia orgánica e fracción vexetal.