Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu estrea o documental ‘Agullas’, que reflexiona sobre as violencias machistas

  • A proxección será o próximo luns, ás 20.00 h, no Centro Social do Mar, previa retirada de convite na billeteira
  • Ese mesmo día está programada unha concentración silenciosa na Praza do Concello ás 12.00 h, e tamén a inauguración dunha mostra a cargo do IES Illa de Ons

O próximo luns, 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, e o Concello de Bueu organiza a estrea do documental ‘Agullas. Historias de supervivencia persoal’, no que se recollen historias persoais de mulleres vítimas da violencia machista, así como a visión de profesionais e expertas. Segundo salienta Ana Isabel Otero, concelleira de igualdade, o obxectivo é deixar claro que a violencia non ten idade nin clase social, senón que son un síntoma estrutural da sociedade patriarcal na que vivimos. O documental, que foi elaborado con fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, poderase ver ás 20.00 h no Centro Social do Mar, previa retirada de convite na billeteira do mesmo espazo unha hora antes.

O documental, que terá unha duración de 70 minutos, recolle os testemuños de tres mulleres vítimas, ademais de seis expertas. Entre elas, están Paz Filgueira, maxistrada e que fora durante 7 anos titular do Xulgado de Violencia Contra as Mulleres de Vigo; Manuel Lopo, psicólogo e terapeuta familiar, Pilar Fernández Pérez, fiscal do TSX de Galicia adscrita permanentemente en Santiago de Compostela; Roanana Izquierdo, quen pertence ao grupo de traballo sobre violencia de xénero do SERGAS; Juan Iglesias, sarxento da Garda Civil de Marín, e Jorge Marín, profesor de socioloxía e do Máster de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela.

Así mesmo, con motivo desta data, a Praza do Concello acollerá o mesmo luns, ás 12.00 h unha concentración silenciosa de repulsa contra os asasinatos machistas.

O 29 de novembro, ás 21.00 h, o Cineclub Bueu proxectará a película ‘Figuras ocultas’, que narra a historia nunca contada de tres mulleres científicas afroamericanas que traballaron na NASA a comezos dos anos sesenta nun ambicioso proxecto consistente en poñer en órbita ao astronauta John Glenn.

O sábado 30 de novembro, a escritora e mestra Carme Adán desenvolverá unha palestra titulada “Reflexións sobre a liberdade de xénero”, na que se fará alusión ao seu recente libro publicado na Editorial Galaxia, Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión. O encontro terá lugar ás 12.30 h na Sala Amalia Domínguez Búa.

Pero non son estas as únicas actividades levadas a cabo con motivo desta data. Desde o Centro de Información ás Mulleres (CIM), xa levan máis dun mes desenvolvendo xornadas de formación sobre esta temática dirixidas a diversos profesionais, como profesorado, persoal do Centro de Saúde e forzas e corpos de seguridade. Ademais, tamén se organizaron obradoiros de ciberacoso nos que participaron rapaces e rapazas dos centros educativos da vila.

Casa do Concello coa pancarta da campaña «Bueu en negro»

Así mesmo, o alumnado do IES Illa de Ons organiza ata 2 de decembro unha exposición relacionada co 25N e as violencias machistas, que se poderá ver na Sala Amalia Domínguez Búa. A inauguración oficial terá lugar o luns ás 17.50 h, e o horario de apertura será de luns a venres, entre as 16.30 e as 20.30 horas, e as fins de semana, entre as 11.30 e 13.30 h e das 16.30 ás 20.30 h. E tamén durante esta semana, unha gran maioría dos establecementos comerciais e hostaleiros da vila participan por segundo ano consecutivo na campaña “En Negro contra as violencias”, e por iso colocaron carteis con lemas como “Non es o meu dono”, “O control tamén é violencia” ou “Son libre de decidir sobre a miña propia vida”, ademais de crear recunchos e escaparates para concienciar sobre as violencias exercidas contra as mulleres.