O Concello instala máis contedores para aceites usados

  • Aos que xa funcionan desde maio engádense agora dous máis, ao carón do cemiterio da parroquia de Cela, e na rúa Xosé María Estévez

O Concello de Bueu, a través da empresa Procesadora Gallega de Alimentos, vén de instalar dous novos colectores para aceites usados, que se suman aos nove que xa funcionan desde o mes de maio. Tal e como destaca Xosé Leal, concelleiro delegado da área de residuos, “o servizo amplíase coa inclusión dun contedor ao carón do cemiterio da parroquia de Cela, e na rúa Xosé María Estévez, dentro do casco urbano da vila”.

Os recipientes facilitan a reciclaxe dos aceites vexetais para garantir a correcta xestión e posterior valorización. Segundo os datos facilitados pola empresa xestora, desde maio ata o 31 de outubro, recolléronse un total de 1.848 quilos de aceite. De entre as áreas nas que se instalaron, a das Lagoas é onde máis se colleitou, con 440 quilos, seguida da situada xunto á Praza de Abastos, con 300 quilos. O colector situado na Rúa Nova de Beluso recolleu 270 quilos, o da Avda de Marín, 235, o de Can do Penedo, 170, o de Agrelo, 160, o de Loureiro, 150, o de Cabalo, 65 e o da praia de Beluso, 58. Indo un pouco máis alá, o informe da empresa tamén detalla que eses residuos recollidos terían contaminado 2.033 litros de auga.

Desde o Concello anímase á cidadanía a que deposite aceite en calquera envase doméstico de plástico e directamente no colector (sen bolsas de plástico). “É importante que todos e todas nos impliquemos para evitar os efectos nocivos sobre o medio ambiente,”, salienta Leal. Con este motivo, o Concello organizará dentro de dúas semanas os actos para o reparto de cen composteiros individuais entre a cidadanía, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e da Sociedade Galega do Medio Ambiente.