Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno local reuniuse coas asociacións para presentar o borrador do Regulamento de Participación Cidadá

  • A xuntanza, á que asistiron máis dunha trintena de persoas, celebrouse este martes no salón de plenos da Casa Consistorial
  • Actualmente o borrador atópase en fase de exposición pública previa, e as persoas que o desexen poderán presentar suxestións ata o próximo xoves

Asociacións e colectivos da vila bueuesa asistiron este martes a unha reunión na Casa Consistorial para coñecer o borrador do Regulamento de Participación Cidadá, que actualmente se atopa en prazo de consulta pública para que as persoas que o desexen presenten alegacións e suxestións. Na xuntanza, que se celebrou no salón de plenos, participaron Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda, réxime interior e veciñanza, e Xosé Leal, edil de cultura.

O obxectivo desta xuntanza era explicar as liñas básicas do borrador que substitúe ao de 1996 e que pretende incrementar a capacidade de decisión e de participación da cidadanía. Esta normativa creou un gran interese entre os e as participantes na reunión, que incluso plantexaron a posibilidade de realizar alegacións conxuntamente.

Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o próximo xoves, 23 de agosto, para achegar as súas opinións, o que poderán facer mediante a presentación da instancia “Participación na Elaboración de Normativa”, que se atopa no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu. Así e todo, Villanueva e Leal insistiron en que se promoverá o debate e a reflexión coas asociacións nas diversas fases do procedemento, e non só nesta previo, a fin de que o regulamento se aprobe co máximo consenso posible.