Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu formaliza a cesión gratuíta a Vipugal de tres parcelas para vivendas protexidas

  • Félix Juncal salientou que “o Concello leva anos con este traballo para poñer a disposición da cidadanía vivendas a prezos asequibles”

Félix Juncal, alcalde de Bueu, asinou a pasada semana na notaría da vila a cesión gratuíta de tres parcelas á Sociedade de Vivenda Pública Galega (Vipugal), que permitirán a construción de vinte e unha vivendas protexidas na zona de As Lagoas. O rexedor apuntou que “o Concello leva anos con este traballo para poñer a disposición da cidadanía vivendas a prezos asequibles”.

Este trámite supón a formalización da cesión ao organismo da Xunta de Galicia de tres solares de 1000 m2 situados na rúa Santán (valorados segundo os técnicos en 790.000 euros) e que suporán levar a cabo a primeira promoción de vivenda pública do municipio bueués.

O Concello de Bueu xa aprobara a comezos do ano 2025 unha modificación na ordenanza reguladora do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) que incluía bonificacións do 95% para aqueles proxectos de especial relevancia ou interese social, como é este caso, e que se acordou por unanimidade de todos os grupos do pleno. Posteriormente, adoptouse outro acordo para ceder de maneira gratuíta a Vipugal as tres parcelas, e finalmente aprobouse noutro pleno esa cesión definitiva. Pero a demanda vén de anos atrás, pois en 2021 xa se aprobara no pleno unha moción para reclamar á Xunta a construción de vivendas, e mantivéronse varias reunións coa Conselleira de Vivenda que frutificaron neste acordo histórico. O ámbito de actuación correspóndese con tres parcelas colindantes entre si situadas no actual aparcadoiro da zona, nas que se prevén un total de vinte e unha vivendas públicas, con garaxes e trasteiros. Nelas investiranse 4 millóns de euros, e o contrato de redacción do proxecto foi adxudicado ao estudo Terceroderecha.Arquitectos. Unha vez elaborados procederíase por parte da Consellería de Vivenda a licitar a construción do edificio coa previsión de que estea rematado ao longo do ano 2028.