O Concello de Bueu organiza este xoves a Freguifesta de Beluso

A parroquia de Beluso será o escenario elixido polo Concello de Bueu para continuar este xoves, 15 de agosto, coa xeira das freguifestas, un programa iniciado o pasado ano co obxectivo de recuperar as tradicións e as romarías. Tras pasar por Ermelo e Sanamedio, é a quenda agora de Beluso, onde se combinarán as actividades para pequen@s e maiores. Tal e como destaca Xosé Leal, concelleiro de cultura, estas festas «buscan revalorizar os espazos de convivencia que hai nas diferentes parroquias mesturando a tradición e a modernidade e fomentando valores na sociedade, para que toda a veciñanza da vila sinta orgullo de pertenza aos seus lugares e á vila no seu conxunto”.

A xornada iniciarase ás 12 da mañá no Parque Novas cun contacontos co grupo Polo Correo do Vento, que presentarán o libro Bueu, Gozosos anos 30, no que se recompilan as aventuras de persoeiros como Maruja Mallo, Rómulo Gallegos, José Suárez ou Johán Carballeira, que coincidiron na vila morracense nos anos previos ao golpe de estado. Pola tarde, a partir das 17 horas, a charanga Noroeste ofrecerá unha ruada praieira polos areais de Lagos, Ancoradouro, Mourisca e Tulla, e tamén polo centro de Beluso (a partir das sete).

Ás oito está programado no Parque Novas un espectáculo de maxia co Mago Noel, ao que lle seguirá o acto de homenaxe á veciñanza pola adicación ás festas, que este ano recaerá en Salvador Brión Menduiña e Susana María Canosa Graña. No mesmo espazo poderase disfrutar de xogos populares en horario de 18 a 20 horas. E, para culminar a xornada a partir das 22 horas actuará a orquestra Distrito 7.

Ademais, este ano, o Bar Onza programa dúas actuacións máis : o 14 actuará Trio Chroma, e o 17, Dos con Dos.