O goberno local convoca unha reunión cos colectivos para explicar o borrador do Regulamento de Participación Veciñal
- A xuntanza celebrarase o 13 de agosto, ás 20.00 h, no salón de plenos da Casa Consistorial
O goberno local de Bueu convoca ás asociacións, colectivos e clubs da vila a unha reunión o martes 13 de agosto para explicar as novidades do borrador do Regulamento Orgánico de Participación Veciñal, que actualmente se atopa en consulta pública. A xuntanza terá lugar ás 20.00 h no salón de plenos da Casa Consistorial.
Tal e como destaca Julio Villanueva, vicealcalde e concelleiro de facenda e réxime interior, “o obxectivo é que a cidadanía aumente a súa capacidade de decisión, dotándoa de mecanismos e estruturas de participación que permitan incorporar as novas tecnoloxías”. O que se pretende con esta nova normativa, que substitúe á de 1996, é constituír órganos de participación para que sexa efectiva en calquera momento e circunstancia.
O borrador atópase incluído na consulta pública que fai unha semana se anunciou na páxina web do Concello. Os cidadáns e cidadás, organizacións e asociacións disporán de prazo ata o 22 de agosto para achegar as súas opinións, o que poderán facer mediante a presentación da instancia “Participación na Elaboración de Normativa”, que se atopa no Catálogo de Trámites da sede electrónica do Concello de Bueu.