Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O FICBUEU estrea este ano vinte títulos a nivel estatal

  • O FICBUEU 2018 traerá a Galicia entre o 7 e o 15 de setembro obras premiadas nos mellores certames do mundo

O programa do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu incluirá este ano a première en España de vinte títulos, aos que se suman outras 24 estreas a nivel autonómico. Esta mañá presentouse a selección das sesenta obras que integrarán as diferentes seccións do FICBUEU 2018, que se desenvolverá entre o 7 e o 15 de setembro, ás que se podería incorporar algunha outra sesión especial a posteriori.

Desta volta, “simplificouse a programación para darlle facilidades ao público”, segundo apuntou o director do certame, Manuel Pena, quen sinalou ademais que “o obxectivo é amosar as mellores curtas realizadas no último ano no eido internacional, ofrecendo cine de calidade, de autor, cunha mirada propia”. O festival contará así con catro seccións principais: Internacional, España, Galicia R e Panorama, das que as tres primeiras son competitivas, mentres que a cuarta reúne as mellores cintas que quedaron fóra de concurso. A estas únense as sesións Infantil e Xuvenil, que se proxectarán para alumnado dos centros educativos da comarca.

O equipo de selección houbo de visionar as máis de 2.000 curtas recibidas para chegar a esta escolla, tal e como lembrou o responsable desta tarefa. “Chegamos a unha selección moi interesante que traerá a Galicia traballos premiados nalgúns dos principais festivais do mundo, como Cannes, Sundance, Venecia ou Clermont-Ferrand”, destacou Severiano Casalderrey. Os programadores tentaron ofrecer un percorrido variado que pasa por 24 países, aínda que entre os 22 títulos da sección Internacional segue predominando o selo europeo. Entre os filmes españois altérnanse comedia e drama, ao tempo que o documental destaca no apartado de Galicia, patrocinado desta volta pola empresa de telecomunicacións R.

“Será un dos anos nos que o público se vexa máis recompensado nos seus gustos”, completou Manuel Pena, quen agradeceu o financiamento xa confirmado do Concello e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e mais o previsible apoio da Deputación de Pontevedra, así como a crecente implicación do comercio e a hostalería local. Neste senso, o alcalde de Bueu confirmou que “o Concello ten asumida a súa colaboración permanente co FICBUEU, económica e doutro tipo, pois trátase dun dos eventos máis relevantes na nosa vila”. Cada edición “nace coa certeza de éxito de público e de récord de curtas participantes, á vez que nos sorprende con diferentes actividades durante máis de unha semana”, engadiu Félix Juncal, quen aproveitou a ocasión para “convidar a todas as persoas a degustar este suculento menú, tanto da nosa localidade como doutros lugares que nos visitan”, concluíu o rexedor.

Programación FICBUEU