Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Un proxecto de melloras de seguridade viaria na PO-551

  • O goberno local e a Conselleira de Infraestruturas mantiveron esta mañá un encontro de traballo para avanzar as medidas para a eliminación do Tramo de Concentración de Accidentes (TCA) nesa zona

O goberno local de Bueu, presidido polo alcalde Félix Juncal, mantivo este luns unha reunión de traballo coa Conselleira de Infraestruturas, Ethel Mª Vázquez, para presentar o proxecto de eliminación do tramo de concentración de accidentes (TCA) da PO-551, que suporá a mellora da seguridade viaria e a redución da sinistralidade neste tramo. Este encontro serviu para poñer en común as medidas concretas que se van aplicar nesta zona e que suporán un investimento por parte da Xunta de Galicia de arredor de 1,3 millóns de euros. Precisamente mañá o proxecto someterase a un período de exposición pública ata o 3 de xullo.

As medidas concretas que se van implementar pasan pola creación de dúas rotondas, entre as cales se vai reducir a velocidade a 50 qm/h, ademais dunha rede semafórica (un na saída de Agrelo-Portomaior e outro en Loureiro) e pasos de peóns con sinais luminosas e proxectores de luz que se activan cando se detecta a presenza dun/ha viandante. O marco de actuación consta de tres quilómetros nos que existen moitos núcleos de poboación, comercios e moita densidade de tráfico. Nesta tarefa, o alcalde salientou “a colaboración e sensibilidade da Consellería xa que tivo en conta todas as nosas alegacións desde a reunión que mantivemos a finais do 2017”.  No mesmo coincidiu Vázquez Mourelle, quen apuntou que nas próximas semanas se porán en marcha medidas provisionais con motivo da inminente chegada da tempada estival, como a sinalización horizontal e vertical e a redución do largo da calzada. Con todo, estas actuacións serán previas ao proxecto definitivo, do que este verán, e unha vez rematado o prazo da exposición pública, se comezarán a realizar as expropiacións para telo culminado o ano que vén.

No encontro tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, ademais do director técnico do proxecto e responsables do departamento.