Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O FICBUEU afronta a súa 13ª edición con cinema de calidade e seguridade fronte a Covid

A sala multiusos do CSM acollerá as charlas

A organización e as administracións financiadoras presentaron o programa que se desenvolverá do 11 ao 19 de setembro

O 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra) ofrecerá entre o 11 e o 19 de setembro o mellor cinema en formato curto do panorama internacional e farao con todas as medidas necesarias para salvagardar a seguridade das persoas asistentes fronte o coronavirus. Así o destacaron esta mañá en rolda de prensa tanto representantes da organización como do Concello de Bueu, da Deputación de Pontevedra e da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, principais institucións cofinanciadoras do certame.

O director do FICBUEU, Manuel Pena, lembrou que “a principal razón de ser dun festival son as películas, polo que se decidiu poñer todo o foco nas proxeccións e dedicarlles o máximo espazo posible para que as e os espectadores poidan visionalas”. En paralelo, “poranse en práctica todos os protocolos establecidos polas administracións estatal e autonómica” para garantir a seguridade de público, persoas convidadas e traballadoras.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, corroborou que o programa do FICBUEU 2020 “non é de transición, senón que se trata dunhaedición da máxima calidade” da que “as e os asistentes poderán gozar nunha contorna segura”. Agradecendo a “valentía” da organización e a “responsabilidade” que o público está a demostrar en eventos similares, lembrou algunhas das facilidades dadas pola Xunta ao sector cultural, como o incremento das axudas, a ampliación dos prazos ou o plan de reactivación aprobado por mor da pandemia.

Tamén a deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, agradeceu “o traballo extra realizado pola organización para chegar ao máximo de espectadoras e espectadores coa mesma calidade”. Salientou asemade “o importante labor que desenvolven os festivais para poñer en valor o cinema” e destacou a creación da marca Rías Baixas Film Fest para apoiar aos certames da provincia tras o confinamento.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal, salientou a “fidelidade” do público local do FICBUEU e apuntou que o festival “se organiza desde o cariño, pero tamén desde a responsabilidade”, polo que “tanto veciñanza como visitantes van atopar un espazo seguro”. “A xente quere cultura segura e o FICBUEU vai ser un bo exemplo”, concluíu.

Adaptacións debido á pandemia

Todas as actividades do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu se desenvolverán en dependencias do Centro Social do Mar. Dada a redución do aforo no auditorio, “optouse por duplicar as sesións de cada sección”, explicou Manuel Pena. Tal é o caso da Sección Internacional, con catro pases diarios de luns a venres, ou dos apartados España e Galicia R, con tres sesións na vindeira fin de semana, na que tamén se proxectará a Sección Experimental, “coas curtas máis vangardistas e arriscadas”.

Por outra parte, como non será posible a asistencia de alumnado, “programáronse as seccións Infantil e Familiar, abertas ao público, sábado e domingo pola mañá”. A isto súmase a Gala Escolas Galegas e a nova Sección Escolas Internacionais, así como un apartado dedicado á Comedia, “unha chiscadela ao noso público, que demanda curtas de humor”. A ausencia de cineastas internacionais suplirase cun maior protagonismo dos galegos nas actividades paralelas, entre elas a charla sobre o filme Ons ou o encontro coa actriz Melania Cruz.

O monólogo de Manuel Manquiña, a presentación dos Cadernos FICBUEU, a música en directo ou a Ruta das Tapas 5 Estrelas complementan a programación do 13º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que pode consultarse na web www.ficbueu.com, onde tamén se poden adquirir xa as entradas para as proxeccións.