Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu celebrou esta semana dúas mesas de contratación

  • Nestas reunións valoráronse as ofertas económicas presentadas polas empresas que concorren ao subministro de estantes móbiles para o Arquivo Municipal, e para o abastecemento e saneamento de Vilar, na parroquia de Beluso

Félix Juncal, alcalde de Bueu, participou esta semana en dúas mesas de contratación nas que se coñeceron as empresas e ofertas económicas que concorren á contratación do subministro de estantes móbiles para o Arquivo Municipal, e para as obras de abastecemento e saneamento de Vilar, en Beluso.

Para os estantes do Arquivo constan un total de cinco empresas, sendo a oferta máis vantaxosa de 15.301,50 euros, presentada por Eun Sistemas SL. Esta actuación, que conta cunha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, renovará a imaxe deste espazo que se atopa en moi mal estado. Así, o subministro destes novos estantes permitirá dar cabida a toda a documentación en papel pendente de recibir dos diferentes servizos municipais, responder ás expectativas do volume de documentación en soporte papel dos próximos anos, coa diminución prevista pola implantación da Administración electrónica, así como aumentar a capacidade de arquivo actual.

A memoria técnica redactada polo arquitecto técnico municipal indica que os estantes fixos e móbiles irán montados sobre unha plataforma, para instalación de caixas de arquivo de 120x386x277 mm. O conxunto terá unha capacidade mínima equivalente a 4200 caixas, polo que se estiman un total de 56 unidades de estantes, cunha lonxitude aproximada de 1m.

Pola súa banda, as obras de abastecemento e saneamento de Vilar interesaron a dezaseis firmas comerciais, sendo a máis económica a presentada por Construcciones E.C. Casas, por importe de 33.481,90 euros.

O proxecto inclúese no marco das actuacións do Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra e vai permitir que as vivendas do lugar conten con este servizo básico.