Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello substitúe varias luminarias na rúa Eduardo Vincenti e no cruce entre Castelao e Canibelos

O Concello de Bueu agarda solucionar os problemas relacionados coa iluminación nas rúas Eduardo Vincenti e no cruce entre Castelao e Canibelos, onde habitualmente se producen interrupcións no alumeado, coas conseguintes molestias para a veciñanza. A empresa adxudicataria do servizo, Setga SLU, levou a cabo durante a mañá de hoxe os traballos, que consistiron na substitución de dúas farolas en cada unha das rúas, e o arranxo de varias que se atopaban en mal estado.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “o Concello vén constatando os problemas que temos e que aínda non fomos quen de resolver de todo nestas dúas rúas, que provocan a caída do alumeado en máis ocasións das normais”. Así, e a pesar de que os servizos eléctricos están continuamente estudando as avarías e rearmando os cadros, ás veces “é difícil detectar a raíz do problema, sobre todo porque nalgunhas zonas veñen derivadas de perforacións e obras acometidas por empresas e particulares”.

O rexedor informa de que hai semanas se reparou, tamén, un tramo de alumeado no cruce entre a rúa Castelao e Pazos Fontenla, onde se detectaron roeduras no cableado soterrado.

Juncal confía en que pouco a pouco se solucionen estas avarías, e adianta que a intención é que no vial urbano de Pazos Fontenla se acometa unha mellora integral de todas as redes, un proxecto de calado que xa foi remitido á Xunta de Galicia para a súa valoración.