Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello comeza coa colocación de novas papeleiras

  • O Concello investe preto de 14.000 euros na adquisición dun cento de papeleiras de varios modelos e capacidades

Félix Juncal, alcalde de Bueu, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e Alfredo de la Campa, arquitecto técnico municipal, estiveron este martes polas rúas do casco urbano bueués para decidir os lugares nos que se van colocar novas papeleiras.

O Concello adquiriu o pasado ano un total de 115 papeleiras de varios modelos e capacidades, que se instalarán en zonas estratéxicas da vila. Así, substituiranse as que se atopan en mal estado por outras de 50 litros de capacidade, e cuxa característica principal é que teñen a parte posterior tapada, impedindo que poidan depositarse bolsas de lixo. Destas colocaranse corenta, que se complementarán con outras dez de 120 litros, que van estar situadas en zonas estratéxicas onde existe un maior tránsito de poboación ou acumulación de residuos. A elas súmase outro lote de quince illas para a separación de residuos, e que se destinarán aos centros educativos e a outros espazos públicos da vila. E, por último, tamén se conta con outras corenta para as praias, que se poñerán de cara á tempada estival.

Juncal destaca o investimento do Concello neste subministro, que supón preto de 14.000 euros con cargo a fondos municipais, e co que se renovará a imaxe dos espazos públicos. Esta remesa de papeleiras súmase ás outras cen que xa se adquiriran no 2017, e que supuxeron un cambio cara a un “modelo máis sostible”, tal e como apunta Félix Juncal, alcalde da vila.

Dende o Concello faise un chamamento á cidadanía para que se respecte o mobiliario municipal, os espazos e as infraestruturas públicas, “pois é responsabilidade de todas e todos manter a vila nas mellores condicións”.