Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu amplía o abastecemento de auga nun tramo da rúa Johán Carballeira

  • As obras, que está levando a cabo a brigada de obras municipal e a de FCC Aqualia, supoñen a mellora dun tramo de 50 metros situado xunto á piscina municipal cuberta

A brigada de obras e servizos do Concello de Bueu e o persoal da empresa FCC Aqualia, concesionaria do servizo de xestión da auga, están acometendo a ampliación dun tramo de abastecemento de auga na rúa Johán Carballeira. Segundo informa Félix Juncal, alcalde de Bueu, trátase dun tramo de aproximadamente 50 metros que se sitúa á altura da piscina municipal cuberta.

O último tramo da rede está provocando que a través da acometida que alimenta a piscina entren máis areas e sedimentos dos recomendables, o que se detectou por parte da dirección facultativa da obra e dos responsables da empresa que realizou as obras da piscina.

Esta actuación supón o peche do circuíto, ao conectar a tubaxe coa rúa Ramón Bares, co que “conseguiremos mellorar a rede de abastecemento urbano, ao engadir un novo punto de conexión”, engade Juncal. Isto facilitaría o traballo do persoal en caso de avarías ou cortes de auga, ao tempo que reduce notablemente a acumulación de sedimentos.

Por outra banda, FCC Aqualia tamén procedeu nestes días á substitución dun tramo de abastecemento de 50 metros na zona de Costa de Figueirón, na parroquia de Beluso, e proximamente iniciaranse os traballos que permitirán renovar 300 metros de tubería na zona do Valado, pendente da autorización da Deputación Provincial de Pontevedra e que permitirá resolver os problemas detectados nos últimos tempos.