Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello proxectará a Banda do Río como ‘zona totalmente inclusiva’

  • Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, leva varias semanas avanzando nun proxecto piloto co que eliminar todas as barreiras e facer que “Bueu sexa un lugar accesibles para toda a cidadanía”

Construír un Bueu totalmente accesible, sen barreiras físicas nin cognitivas, e no que todas as persoas poidan gozar dos espazos públicos con liberdade e plenas garantías. Ese é o paraugas baixo o que se acolle o proxecto piloto que está promovendo Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, e que terá a zona da Banda do Río como primeiro lugar de actuación. A edil nacionalista móstrase “moi ilusionada” con esta iniciativa para a que leva un par de semanas reuníndose coas persoas responsables de diversas asociacións e colectivos galegos que traballan con persoas con discapacidade, as cales elaborarán diversos proxectos co fin de manter proximamente unha xuntanza de todas elas e compartir ideas coas que fundamentar o que van ser as áreas de actuación.

Carballo salienta que “o que naceu como un proxecto vinculado ao turismo estase a converter nunha idea vital, pois consideramos que cada persoa ten dereito a manter unha relación coa administración e cos espazos digna”. Así, eliminar as barreiras arquitectónicas, converter a cartelería a un formato máis comprensible ou fomentar a formación son os tres piares sobre os que se sustentará este proxecto, no que traballarán as diversas asociacións.

A Asociación de Xordos de Galicia (XOGA) centrarase en elaborar unha proposta na que se terá en conta a cartelería inclusiva, mediante códigos QR que leven a vídeos en lingua de signos, e na impartición de cursos de formación sobre esta lingua destinados á administración local, incidindo de forma especial no persoal de turismo e nos socorristas de verán, e para a cidadanía en xeral.

Pola súa banda, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) centrarase na análise de eliminación das barreiras arquitectónicas para que a Banda do Río sexa totalmente accesible, tanto a praia, como os Xardíns de María Eugenia e o parque infantil.

Despois de xa varios anos colaborando co Concello de Bueu, a Asociación de Persoas con Discapacidade Juan XXIII tamén actuará sobre o mesmo espazo, analizando a cartelería e o parque, amais de propoñer actividades a realizar en espazos como o Estaleiro da Banda do Río. Esta entidade, con sedes en Pontevedra e Cangas, elaborou xa hai uns meses un proxecto de accesibilidade para a Casa Consistorial, e o que se pretende é implementar a mesma idea noutras infraestruturas municipais, como o Centro Social do Mar, a Piscina Municipal Cuberta das Lagoas, a Praza de Abastos, as bibliotecas ou os pavillóns deportivos. Así mesmo, dende este centro tamén ofrecen a posibilidade de realizar cursos formativos para persoal municipal de cara á atención a persoas con discapacidade cognitiva.

E, por último, este venres mantívose o último dos encontros co director do centro da ONCE en Pontevedra, co que se está vendo a adaptación das vías e espazos públicos para as persoas invidentes. Precisamente, Carballo visitará en próximos días o centro para coñecer en detalle o traballo que desenvolven e ver as liñas de actuación neste proxecto.

Segundo adiantou a concelleira, a idea é que este proxecto piloto se poida poñer en marcha na Banda do Río, para nos próximos anos extrapolalo a outras zonas da vila, e así facer un “Bueu, espazo para a xente real”, no que ningunha persoa se sinta excluída.