Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O pleno de Bueu dá luz verde a varias propostas e mocións

  • Entre elas, a aprobación do expediente de contratación do servizo de xestión tributaria, a modificación da ordenanza fiscal nº14, a moción relativa á transferencia da AP9, ou a moción para acondicionar a ruta dos Muíños

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 1 de marzo, unha nova sesión plenaria telemática na que se levaron adiante varias propostas e mocións que, así e todo, non estiveron exentas de debate entre o grupo de goberno, conformado polo BNG e ACB, e a oposición, cos grupos PP e PSOE. A aprobación do expediente de contratación do servizo de colaboración na xestión tributaria, inspectora e recadatoria, foi o primeiro tema, que se aprobou cos votos a favor de BNG e PP, e a abstención de PSOE e ACB. Félix Juncal, alcalde da vila, salientou que “se trata de volver licitar un servizo co que contamos dende hai vinte anos”. A xestión tributaria externalizouse a comezos do 2000 e o último contrato vén de expedir, de aí que se faga necesario iniciar un novo proceso de contratación cun incremento do 20%, dado que “nestes anos incorporáronse melloras como a administración electrónica ou a Oficina Virtual Tributaria”. A voceira do PP, Elena Estévez, adiantou o voto favorable do seu grupo manifestando que “é un orgullo que o que no seu día fixo o PP e se criticou, agora se demostre como a fórmula máis viable”, ao tempo que botou en cara que “se lle dan á empresa concesionaria máis competencias”. Juncal replicou que, aínda que se valoraron diversas opcións para recuperar o servizo, “actualmente non é posible a xestión directa, posto que non contamos nin co persoal nin coa infraestrutura necesaria”.

O seguinte tema a abordar, e no que a corporación si se mostrou unánime, foi a modificación da Ordenanza Fiscal nº14 reguladora da Taxa pola utilización privativa e o aproveitamento especial do Dominio Público Local, polo que se suprime a taxa de cadeiras e mesas nas terrazas de hostalaría ata novo aviso. Silvia Carballo, concelleira de promoción económica, apuntou que “é unha das medidas que promovemos como goberno para axudar a un dos sectores máis prexudicados pola pandemia, e nas próximas semanas presentaremos outras á Asociación de Hostalaría de Bueu, coa que levamos meses mantendo reunións tanto dende o goberno local como dende a Mancomunidade”.

O recoñecemento extraxudicial de créditos, cun importe de 183.912,96 €, aprobouse cos grupos a favor do goberno, en contra do PP e a abstención do PSOE. Este expediente, que é o primeiro deste ano, recolle facturas correspondentes a servizos do ano 2020 que se presentaron en 2021, entre as que se atopan as de enerxía eléctrica ou as da Mancomunidade de Concellos do Morrazo.

Ao remate do pleno debatéronse dúas mocións. A primeira delas, presentada polo BNG, refírese á transferencia da AP9 a Galiza, e tamén reclama a rebaixa das peaxes por parte do goberno estatal, competente nesta materia. A moción indica que “hoxe Galiza conta non só cunha das autoestradas máis caras do Estado senón tamén coa concesión máis longa posíbel, 75 anos, até 2048. Así, mentres na Galiza pagamos as peaxes máis caras, a práctica totalidade das autoestradas do Estado ou son de balde ou o serán en breve. O que supón un forte impacto económico para as arcas de miles de traballadores e traballadoras e un lastre á competitividade das nosas empresas é, á súa vez, un suculento negocio para a empresa concesionaria, que en 2019 recadou 153 millóns de euros, uns 420.000 euros diarios”. Ante a proposta, o PP solicitou unha emenda que fai referencia a que se conte cos recursos necesarios para acometer as obras pendentes, manter as bonificacións comprometidas e garantir a súa axeitada xestión, que se aceptou por todos os grupos e se aprobou por unanimidade. E na segunda, o PP reivindica o acondicionamento completo da Ruta dos Muíños por parte do Concello de cara á Semana Santa e o verán. Neste sentido, o voceiro do BNG, Xosé Leal, propuxo unha emenda na que, amais do Concello, se incorpora a responsabilidade que deberían ter outras administracións competentes en certos tramos do sendeiro, e salientou que “dende este goberno somos conscientes da importancia das rutas de sendeirismo, xa que unen medio ambiente, saúde, concienciación e patrimonio, e nós sempre actuamos para reforzalos”.

A sesión completa pode verse na canle de YouTube do Concello de Bueu.