O Concello de Bueu presenta a programación da ‘Semana da Muller’

  • Entre os actos promovidos con motivo do 8 de marzo están o apoio á manifestación feminista da CIG, o recibimento ás alumnas gañadoras dos V Premios Sofía Novoa, a presentación do libro ‘As fillas da Manola’ ou unha xornada sobre fútbol feminino

A concellaría de igualdade de Bueu, que dirixe a nacionalista Ana Isabel Otero, organizará a ‘Semana da Muller’, na que se inclúen diversos eventos de cara ao 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, que se adaptarán ás circunstancias que estamos a vivir e ás restricións establecidas pola Covid-19. O Concello fará fincapé na reivindicación da igualdade entre mulleres e homes, nunha data que continúa a ser necesaria ante un mundo que alerta con voltar atrás.

O 8 de marzo terán lugar os actos centrais, cando o goberno apoiará a concentración feminista organizada dende a CIG e que terá lugar na Praza Massó ás 12.00 h. Ese mesmo día pola tarde, o salón de plenos acollerá un recibimento oficial ás alumnas gañadoras dos V Premios Sofía Novoa de Igualdade da Deputación de Pontevedra, concretamente a Judit Cerviño Malvido, María Tenorio Solla e Patricia Torres Ferradás, as tres naturais de Bueu. A idea é que o Concello publique un libro cos tres traballos de fin de grao que destacan pola súa perspectiva de xénero, e que se faga entrega dun agasallo institucional, amais de dar lectura á declaración reivindicativa desta data, que se consensuará cos voceiros e voceiras dos catro grupos políticos da corporación.

O 12 de marzo pola tarde presentarase o libro As fillas da Manola, co que a viguesa María López Correa gañou o IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares. As persoas que desexen participar neste acto, que se celebrará na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, deberán inscribirse previamente a través dun formulario na páxina web do Concello de Bueu.

O 13 de marzo, ás 17.00 h, as integrantes do equipo feminino do Bueu Club de Fútbol realizarán unha xornada de captación na Praza Massó para facer fincapé na necesidade de que as mulleres se incorporen ao deporte para rachar coas desigualdades de xénero no deporte. Esta xornada completarase cun vídeo que se lanzará nas redes sociais do Concello e que falará da experiencia destas mulleres nun deporte eminentemente masculinizado.

Aos actos organizados polo Concello unirase a ‘Homenaxe Bueuesa Senlleira’ que promoverá a Asociación Club Golfiños, e que se celebrará o 6 de marzo pola tarde co obxectivo de reivindicar o papel das mulleres da subasta e da poxa do peixe na vila, con nomes como Xuliana Conde González, Concepción López Conde, María Dopazo López e Luísa Agulla Dopazo. Así mesmo, o Cineclub Bueu tamén pon o seu gran de area, coa proxección do documental ‘En deuda con todas’, que se poderá ver de balde o 13 de marzo ás 20.00 h no Centro Social do Mar.