Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello continúa coa mellora da sinalización horizontal e vertical en diversas zonas

  • Os traballos inclúen o pintado de vados e pasos de peóns, e a colocación de sinais e espellos

O Concello de Bueu está levando a cabo diversas actuacións de mellora da sinalización horizontal e vertical, nas que se inclúen a colocación de espellos en varios lugares, pintado e repintado de pasos de peóns, vados, e instalación de sinais. Estes traballos forman parte do mantemento que o Concello leva a cabo polos espazos municipais, de cara a que a cidadanía dispoña das mellores infraestruturas e dun acceso o máis seguro posible.

Estes traballos leváronse a cabo nestas últimas semanas de febreiro por parte da empresa Señalizaciones y Viales Hermanos Vázquez SL, quen realizou actuacións en diversos lugares do municipio, entre os cales destacan a colocación de espellos en cruces complexos de lugares como A Cabreira (Cela), Vilar (Beluso), As Meáns ou A Portela (Bueu). Así mesmo, pintouse unha zona de vado e colocouse unha sinal na zona próxima ao supermercado Eroski, e tamén se pintaron pasos de peóns e praza para persoas con discapacidade nas rúas Alexandre Bóveda e Francisco Escáneo, na Banda do Río.

O rexedor salienta que o Concello continúa promovendo actuacións que garantan a mellora da seguridade e da accesibilidade da cidadanía, tanto ás propias vivendas como aos espazos públicos, e de feito xa entre o verán e o outono do pasado ano investíronse preto de 14.000 euros para a sinalización horizontal e vertical.