Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello repartirá envases para servizo a domicilio de cartón respectuosos co medio ambiente entre a hostalaría

  • A iniciativa, que parte das concellarías de promoción económica e da de medio ambiente, pretende apoiar o sector e, ao mesmo tempo, reducir o uso de plásticos

O Concello de Bueu realizará un reparto de envases de cartón entre a hostalaría bueuesa, unha iniciativa que parte das concellarías de promoción económica e de medio ambiente, dirixidas por Silvia Carballo e Xosé Leal. O proxecto ten un duplo obxectivo: dunha banda, contribuír a reducir os plásticos e a fomentar produtos de compra verde, que sexan respectuosos medioambientalmente e que a cidadanía poderá depositar no colector azul destinado a papel e cartón; doutra banda, axudar a un dos sectores económicos máis afectados con motivo da pandemia da Covid-19.

Dende o goberno local “tentamos axudar a un dos sectores máis damnificados por esta crise e que na actualidade está tendo gastos derivados da mesma”, apunta Silvia Carballo, quen avanza que se continúa traballando na tramitación de liñas de axudas para a hostalaría. Na mesma liña intervén Leal, quen salienta que “se trata de reducir os plásticos, promovendo políticas transversais en todas as accións do goberno para o cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030”.

Iria Rey, técnica en xestión de biorresiduos do Concello de Bueu, salienta que con esta iniciativa “adaptámonos á futura Lei de Residuos e Solos Contaminados, pendente de aprobación, e que establece a obriga de limitar os produtos de plástico dun só uso tales como vasos para bebidas (incluídos tapas e tapóns) e os recipientes para alimentos”. Así mesmo, a administración cumpre coa compra pública verde, pola cal se deberán adquirir produtos reutilizables e reparables, e materiais facilmente reciclables. Con iso preténdese contribuír a minimizar o impacto dos residuos sobre o medio ambiente, o cambio climático e o lixo mariño.