O Concello levará a cabo unhas xornadas sobre audiovisual e lingua que incluirán a pre-estrea do filme ‘Ons’ de Alfonso Zarauza

Baixo o epígrafe“Bueu e a fala” nace unha iniciativa que nos vindeiros anos analizará a situación da lingua galega en diversos ámbitos

A esperada pre-estrea en Bueu do filme Ons de Alfonso Zarauza, rodada o pasado ano na Illa terá lugar o vindeiro sábado 12 de decembro dentro dunhas xornadas arredor da lingua que deseñou o Concello de Bueu para analizar a importancia do galego no audiovisual. A cita terá lugar entre o xoves 10 e o domingo 13 de decembro e incluirá charlas virtuais con profesionais do audiovisual, a presentación da iniciativa do Xabarín por parte da Mesa pola Normalización Lingüística e rematará coa proxección do documental Reboiras, acción e corazón.

As concellerías de Cultura e Normalización Lingüística decidiron aproveitar a boa saúde do audiovisual galego e a estrea do filme Ons de Alfonso Zarauza para deseñar unhas xornadas que poñan en valor o galego como lingua de creación nun sector moi relevante a nivel internacional como é o audiovisual do noso país. O concelleiro de Cultura, Xosé Leal, resalta que a creación audiovisual en galego está a ter moita relevancia nestes últimos anos, para o cal buscouse abranguer nestas xornadas diferentes eidos. O xoves dez haberá unha conversa virtual no YouTube e no Facebook do Concello sobre “A sáude do galego no audiovisual” na que participará a cineasta Anxos Fazáns, directora de A Estación Violenta e que ven de exercer como axudante de dirección no filme Nación de Margarita Ledo; o xornalista Alberte Mera, que estreouse no mundo do documental con Reboiras, acción e corazón; Bea Campos, actriz que ademais de ter participado en programas de TVG codirixe os contidos audiovisuais de Kalandraka TV; e o director e guionista X. Henrique Rivadulla “Corcón”, responsable de programas de TVG como Ribeiras de Salitre ou Náufragos.

O venres e o sábado o protagonismo recaerá no filme de Alfonso Zarauza Ons, rodado no arquipélago bueués no pasado outono e que desembarcará na vila coa presenza do director antes da súa chegada ao cinema o vindeiro 18 de decembro. Este conversará virtualmente sobre os aspectos lingüísticos deste filme xunto a súa experiencia na súa filmografía o venres 11 a partires das 20:30 horas. O día seguinte ás 19:00 horas o Centro Social do Mar acollerá a proxección e o posterior coloquio de Ons, unha cita para a cal o Concello espera obter a autorización de Sanidade para poder contar cun aforo de 100 persoas fronte aos 85 espectadores que están agora mesmo autorizados para un espazo interior. Precisamente desde Cultura sinalan que haberá un sorteo de entradas entre as persoas que envíen desde o luns 7 ao venres 11 preguntas para facer nas conversas virtuais ao correo comunicacion@concellodebueu.gal.

O sábado de mañá ás 12 horas a sala multiusos do Centro Social do Mar acollerá unha charla do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Marcos Maceira que explicará a iniciativa Xabarín, cunha cita que contará coa música en directo de Satxa que interpretarán cancións do popular programa de TVG e para o cal é preciso igualmente inscrición previa para acudir a vela en directo ademais de poder seguirse pola redes sociais do Concello.

O peche das xornadas traerá a Bueu a cinta Reboiras, acción e corazón, de Alberte Mera, un documental que leva á pantalla un retrato de Moncho Reboiras, a última vítima galega do franquismo que conta con entrevistas de testemuñas que partillaron con el diversas etapas da vida a nivel político e social, ademais de mesturar tamén imaxes históricas da época. A cinta proxectarase o domingo 13 ás 18 horas no Centro Social do Mar.

Vindeiras edicións

O concelleiro de Normalización Lingüística, Agustín Gallego, sinala que a iniciativa nace con vontade de consolidarse como un espazo no que mostrar o prestixio e a importancia do galego en diferentes ámbitos da sociedade. Para o edil nacionalista que haxa un cinema galego que triunfa internacionalmente con filmes na nosa lingua demostra unha vez máis que “co galego podemos chegar a todas partes e demostrar que pode estar presente en ámbitos xa non só de creación cultural, senón tamén no comercio, no urbanismo, nas tecnoloxías, no deporte…”. Unha filosofía que buscará incidir con diferentes políticas nos vindeiros anos para que tanto na infancia, na mocidade coma na xente en xeral a nosa fala teña unha presenza no día a día da cidadanía, recuperando falantes e sobre todo derrubando os falsos mitos sobre as limitacións de empregar a nosa lingua nai.