O Concello de Bueu mantivo unha reunión cos usuarios do skate park

Félix Juncal, alcalde de Bueu, Agustín Gallego, concelleiro de mocidade e normalización lingüística, e Xosé Leal, edil de cultura e ensino, reuníronse o pasado sábado cun grupo de máis de dez rapaces usuarios do skate park das Lagoas. O obxectivo desta xuntanza era informalos do proxecto de mellora integral que se vai levar a cabo na zona e que incluirá tamén o skate park, e que se terá en conta para a redación do proxecto técnico.

Neste sentido, o alcalde valorou moi positivamente a reunión coa mocidade e considera que se trata “dun proceso participativo no que se terán en conta as súas inquedanzas e suxestións”. Ademais, o edil de mocidade animou aos rapaces a constituírse como asociación, para o que xa están realizando os trámites oportunos.

O proxecto incluirá a remodelación das zonas de estacionamento e dos espazos verdes, e nel terase moi en conta a confluencia de espazos para os distintos usos da cidadanía.