Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recorda os ‘Gozosos anos 30’ cun extenso programa de actividades

  • A programación celebrarase ata finais de abril e incluirá exposicións, charlas temáticas e unha festa que lembrará eses anos previos ao golpe de Estado

O espírito da cultura que converteu a vila Bueu nun fervedoiro artístico nos anos 30 será lembrado durante o mes de abril cunha serie de charlas, exposicións e festa na que serán protagonistas persoas como a pintora Maruja Mallo, os escritores Gonzalo Torrente Ballester e Rómulo Gallegos, o xornalista e alcalde Johán Carballeira, o fotógrafo José Suárez, ou o publicista Federico Ribas. A proposta que nace desde a concellaría de cultura, dirixida polo nacionalista Xosé Leal, buscará “recrear o ambiente de esplendor artístico e cultural que se viviu neses anos previos ao golpe de Estado do 1936”.

Baixo o título de “Bueu, gozosos anos 30”, a modo de homenaxe á saga literaria Los gozos y las sombras de Torrente Ballester, o proxecto iniciarase con dúas exposicións. Dunha banda, a de pintura do artista Xulio Formoso, quen realizou representacións de moitos destes persoeiros que visitaron Bueu neses anos 30, e que se poderá ver na Praza de Abastos do 8 ao 21 de abril. Tamén, na contorna do Estaleiro da Banda do Río poderase ver do 13 ao 30 a mostra “Vento nas velas” do fotógrafo Xurxo Lobato. Neste caso, o grupo Diapente actuará na inauguración, que se celebrará o sábado 13 ás 19 horas.

O luns 8 de abril, ás 20 h, terá lugar no salón de plenos do Concello a charla sobre vestiario dos anos 30 da man de Carla Soage. Seguirá o programa o 12 na Casa do Pobo de Beluso, onde se contará a historia de José Ferradás Pastoriza,quen fora represariado preso no campo de concentración de Mauthausen-Gusen.

A partir do 13 de abril comezarán as charlas centradas en diversos ámbitos e personaxes daqueles tempos, todas elas no Centro Social do Mar ás oito da tarde. A primeira titularase “O Partido Galeguista en Bueu” e nela recuperarase a figura de Xosé María Estévez, un galeguista que mantivo sempre unha estreita relación con persoeiros ilustres como Bóveda, Castelao ou o mesmo J. Carballeira, ademais de ser autor do libro Reconocer Bueu. Previamente, ás 12 do mediodía, descubrirase a placa da rúa que leva o seu nome (sita entre as rúas Eduardo Vincenti e Santán).

O 14 de abril terá lugar o coloquio “Luz antes da noite. Bueu 1936”, no que participarán o xornalista e escritor Salvador Rodríguez, o investigador local Arturo Sánchez Cidrás e o poeta Xaime Toxo. Presentado por Loli Docampo, nel falarase do movemento cultural da época previa á Guerra Civil.

Cartafoles e novelas” será o título da seguinte conferencia, que terá lugar o 15 e na que Loli Docampo e Antonio Álvarez Gil lembrarán a figura do escritor Gonzalo Torrente Ballester.

O 16, o protagonismo recaerá sobre Federico Ribas, José Suárez, Carlos Velo e Maruja Mallo. A charla, titulada “A mirada sobre o real”, contará coa presenza de Carlos Bernárdez, Margarita Ledo, Xaime Toxo e Pepe Barro.

Coincidindo coa celebración do 82º aniversario do fusilamento de Johán Carballeira, o 17 de abril terá lugar ás 19.30 h a tradicional ofrenda floral xunto ao monumento da Banda do Río, un acto organizado pola Asociación de Amigos de Johán Carballeira, ao que se unirá a presentación do libro A obra xornalística de José Gómez de la Cueva, do xornalista Francisco Rodríguez e publicado por Edicións Laiovento. Nel recóllense e analízanse os traballos xornalísticos do que fora alcalde de Bueu.

O programa culminará por todo o alto na fin de semana do 19 ao 21 de abril cunha festa de época na Praza Massó na que se intentará recrear aqueles anos 30. Segundo salienta Leal, nela recrearse unha taberna e un liceo da época. Para este evento contarase coa colaboración da Escola Superior de Deseño Téxtil e Moda de Galicia (Esdemga), dependente da Universidade de Vigo. Facilitará patronaxes para que logo a cidadanía poida confeccionar os seus traxes e vestimenta, baseados na serie Los gozos y las sombras de Torrente Ballester. Entre as actividades programadas para estes tres días destacan a ruta teatralizada que sairá do Parque Ramal dos Galos o venres ás 18 h e na que se explicará ese Bueu dos anos 30. Ás 21 h na carpa da Praza Massó, o grupo Oradaladou porá a música.

O sábado, a xornada comezará no Parque do Ramal dos Galos cunha nova ruta teatralizada ás 11.30, seguida de contacontos a cargo de “Polo Correo do Vento” e cancións populares de taberna na carpa. A xornada culminará ás 21 h cun concerto das Aureas.

O domingo, o Mago Bugarín actuará ás 18 h na carpa, e pola noite, “Música nas velas”, a cargo de Xurxo Souto e o Orfeón Mariñeiro do Berbés. Cun forte espazo para a tradición, esta festa incluirá tamén xogos populares, cuxo horario será de 11.30 a 12.30 e de 16.30 a 20 h o sábado, e de 11.30 a 14.00 e 16.00 e 18.00 h o domingo.