Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Rematan as obras de recuperación do lavadoiro da Banda do Río

  • Durante a visita desta mañá, o alcalde salientou que proximamente comezarán as obras de rehabilitación nos lavadoiros do Mieliño, Graña e Portela

O Concello de Bueu rematou esta semana as obras de rehabilitación do lavadoiro da Banda do Río, que foron acometidas pola empresa Construcciones Medraño cun orzamento de preto de 25.000 euros e con cargo ás subvencións de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico – cultural 2018 da Deputación Provincial de Pontevedra. Na visita realizada este xoves ás obras, Félix Juncal, alcalde de Bueu, salientou que “con esta actuación recuperamos un espazo con moita tradición no barrio e lembramos a súa parte histórica e social”. As obras incluíron materiais naturais como a pedra e a madeira, buscando con iso un resultado comprometido coa xénese do lugar.

No proceso de rexeneración empregáronse solucións construtivas e de deseño tradicional e orixinal, tendo sempre en conta o carácter patrimonial do ben. Ademais, instaláronse uns paneis con fotos históricas do lavadoiro para así perpetuar a función social que desempeñou na historia local, e unhas luminarias LED que permiten a mellor visualización do espazo mantendo o aforro enerxético.

O rexedor, que estivo acompañado polo arquitecto técnico municipal, salientou que nas vindeiras semanas “o Concello confía en poder comezar coas obras de rexeneración dos lavadoiros o Mieliño, Graña e A Portela”.