Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza dúas exposicións no marco das ‘Xornadas Bueu Gozosos Anos 30’

  • A primeira, “A luz antes da noite”, inaugúrase este xoves na Praza de Abastos ás 19.30 h e a segunda o sábado, ás 19 h no exterior do Estaleiro da Banda do Río

O espírito da cultura que converteu a vila de Bueu nun fervedoiro artístico nos anos 30 lémbrase durante este mes de abril cunha serie de actividades nas que a arte e a cultura serán protagonistas. Eses “gozosos anos 30” poderán verse nunha exposición, “A luz antes da noite” que se inaugura este xoves, 11 de abril, ás 19.30 h no 2º andar da Praza de Abastos e que estará aberta ao público ata o 21. Nesta mostra atoparanse materiais de diversos persoeiros que coincidiron nunha época dourada que despois truncou o golpe de Estado. Do escritor e ex alcalde Johán Carballeira, atoparemos fotos, poemas, as capas dos libros publicados sobre el e recortes de prensa; do publicista Federico Ribas, poderán verse deseños feitos para Massó, as capas das revistas Industria Pesqueira e Industria Conserveira, e fotos persoais, ademais das Estampas da Guerra, este documento moi pouco coñecido e conformado por seis debuxos sobre a guerra e a represión. Tamén se recordará a estadía na vila do escritor Rómulo Gallegos, a través de fotos persoais e das capas dos libros que escribiu na vila; de Gonzalo Torrente Ballester, compoñen a exposición imaxes persoais e da rodaxe da serie de Los gozos y las sombras en Bueu, amais das capas das primeiras edicións do libro; Maruja Mallo estará representada nas vinte reproducións do Caderno de Beluso, en fotos persoais e nos artigos que publicou no 1938 no diario Vangarda sobre a represión en Galicia; e José Suárez poderá verse a través dun cadro do pintor recentemente falecido Xulio Formoso, quen tamén realizou retratos dos demais persoeiros. A mostra conta coa colaboración do Museo de Pontevedra, o Museo Massó, o Museo Anfaco, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Asociación de Amigos de Johán Carballeira, Juan Docampo, Loli Docampo, Arturo Cidrás, Xaime Toxo e a familia de Maruja Mallo.

Por outra banda, o sábado ás 19 h inaugúrase no exterior do Estaleiro da Banda do Río a segunda exposición, “Vento nas velas”, conformada por vinte e tres estruturas de forma cúbica na que se recolle o traballo fotográfico de Xurxo Lobato sobre a cultura marítima. No acto tamén está prevista a actuación do grupo Diapente.

A cultura mariñeira e o patrimonio relacionado co mar é o obxecto desta proposta que se realiza ao aire libre e que conta cun carácter didáctico. A exposición, organizada pola Deputación de Pontevedra, nace da publicación en 2017 no libro Vento nas velas, do fotógrafo coruñés Xurxo Lobato.