Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recibe máis de 60 traballos para os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo

  • Os premios constarán de 2500 € en ambas categorías máis a publicación na editorial Xerais do poemario gañador no caso do de poesía

Tras o peche do prazo para o envío a finais de xuño, o Concello de Bueu contabilizou un total de 62 participantes que concorren aos Premios Johan Carballeira. Concretamente, o departamento de cultura recibiu 53 poemarios e 9 traballos xornalísticos, que se presentaron tanto en papel como en dixital, e que se valorarán nas dúas convocatorias. Estas cifras demostran unha vez máis que este certame constitúe xa todo un referente a nivel galego, e que ano tras ano incrementa as súas cifras de participación.

Nas vindeiras semanas o xurado nomeado revisará os traballos nas próximas semanas, co obxectivo de que se seleccionen os gañadores ou gañadoras entre setembro e outubro. Os premios están dotados con 2.500 euros en cada unha das categorías, amais da publicación do poemario gañador na editorial Xerais.

Estes premios naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, ademais fomentar a creación en lingua galega. O certame celebra a vixésimo novena edición na categoría de poesía e a vixésimo terceira na de xornalismo. Na última convocatoria resultaron gañadores Eugénio Outeiro Lojo con Réquiem, e a xornalista Cláudia López Morán coa reportaxe “Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume”, publicado no suplemento Sermos Galiza, do Nós Diario.

O certame, que xa conta con moita historia a nivel galego, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, María Obelleiro, Montse Dopico, Nieves Neira, Antía Yáñez, Lois Pérez, entre outr@s; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Emma Pedreira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Marcos Abalde, Arancha Nogueira…