Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Bueu celebra un pleno de xullo moi breve coa aprobación das bases xerais dos procesos selectivos

  • A moción sobre o estado dos contedores presentada polo edil non adscrito non saíu adiante

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 6 de xullo, o pleno ordinario, o cal tivo unha duración moi breve dado que só se debateron dous asuntos: unha moción do edil non adscrito en relación ao lixo e as bases xerais dos procesos selectivos do Concello.

A sesión comezou co debate arredor da moción sobre a mellora da limpeza e da dotación de contedores do lixo. O texto fai referencia a que “durante os últimos anos, a tempada estival está marcada na nosa vila por unha situación constante: a falta de contedores do lixo e a ausencia da limpeza dos mesmos, o que xera unha profunda insalubridade, ademais das lóxicas molestias á veciñanza e á hostalaría, nunha época na que hai un forte incremento da poboación da vila, co aumento de residuos que isto conleva”. Polo tanto, o que solicitaba o edil era instar á Mancomunidade de Concellos do Morrazo e ao goberno local de Bueu a aumentar a dotación de contedores na tempada estival e a mellorar a limpeza en todo o termo municipal. Isabel Quintás, concelleira de xestión de residuos, interveu para salientar que “compartimos a importancia de ter un municipio limpo e tamén que o servizo é deficitario, pero para poder facer cousas hai que aprobar ordenanzas e regulamentos”. A edil asegurou que dende o Concello xa se está facendo todo o que se pode con medidas como, por exemplo, o baldeo de contedores por parte da empresa de limpeza. No mesmo senso tomou a palabra Xosé Leal, concelleiro de facenda, refrendando que “no verán realízase un reforzo para actuar ante a acumulación de lixo” e apuntou que “nos últimos anos, o traballo da Mancomunidade dirixiuse fundamentalmente a cumprir coa normativa de biorresiduos polo que se implementou o contedor marrón para a hostalaría e a veciñanza, e que coa aprobación do novo contrato vaise aumentar o número de contedores e mellorar exponencialmente o servizo de recollida”. A moción non saíu adiante, contando só cos votos favorables de PP e edil non adscrito, mentres que os grupos do goberno, BNG e PSOE se manifestaron en contra.

A continuación aprobáronse as bases xerais polas que se rexerán os procesos selectivos que convoque o concello de Bueu, que saíu adiante por unanimidade. Segundo explicou Silvia Carballo, concelleira de persoal, “isto vainos permitir axilizar moitos procesos selectivos, tanto de prazas fixas como temporais”.