Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu recibe aos integrantes do Club de Loita que participan no Campionato de España de Grappling

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu na tarde deste martes un recibimento oficial con algúns dos rapaces e rapazas do Club de Loita do Morrazo que asistirán ao Campionato de España de Grappling, que se celebra na localidade valenciana de Sagunto entre o 15 e o 17 de febreiro. Así o salientou Fabián Thiebaut, presidente do Club, quen estivo acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, polo concelleiro de deportes, Manuel Otero, pola edil de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, e pola de igualdade, Ana Isabel Otero.

En concreto, na categoría senior asistirá Samuel Brun; na escolar, Brais Juncal Barreiro, Álex Barreiro Piñeiro, Iago Álvarez Cabodevila, Zulema González Nores, Nadia Romero Bonillo, Jesús Medina Millán, Anxo Ferradás, Joel Peixoto Solla, Uxía Rodríguez, e Pablo Fernández Cerviño; en máster, Fabián Thiebaut, e como árbitro, José Allariz. O rexedor animounos a “gozar do deporte como fonte inspiradora da vida”, idea na que tamén insistiu o concelleiro de deportes, quen salientou “o orgullo e a satisfacción” do goberno local ante os recibimentos a deportistas locais.

De cara á preparación deste campionato, a pasada fin de semana Tito Beltrán, campión do mundo de BJJ e grappling impartiu un seminario no Pavillón Municipal Pablo Herbello.

O Grappling é un modo de loita usado en diferentes artes – marciais, e defínese como unha compilación lóxica e efectiva de técnicas dirixidas a derrotar a un adversario mediante proxeccións, varridos, luxacións, inmobilizacións, escapes, contrachaves… Actualmente, o grappling está considerado un deporte híbrido que combina moitos estilos, tanto modernos como históricos de loita e artes – marciais.