Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A praia de Agrelo únese ao proxecto CoastSnap de investigación sobre a dinámica do litoral

A praia bueuesa de Agrelo xa está na rede CoastSnao, grazas á colaboración entre a Universidade de Vigo e o Concello de Bueu.  CoastSnap vén a ser un novo e innovador sistema comunitario de seguimento de praias a nivel internacional, deseñado para capturar e medir a dinámica do noso litoral. Ademais é un proxecto totalmente altruísta que xorde da colaboración entre investigadores de diferentes universidades e organismos municipais.

Dado que se trata dunha ferramenta interactiva, as persoas que o desexen poden contribuír seguindo tres pasos:

  1. A próxima vez que visites a praia de Agrelo, achégate ata a base CoastSnap situada no extremo sur de Agrelo (no acceso que comunican as praias de Loureiro coa de Agrelo).
  2. Coloca o teu teléfono na base, asegúrate de que está colocado contra o borde esquerdo e toma unha foto.
  3. Comparte a foto na rede social que ti prefiras (Facebook, Instagram ou Twitter) ou envíaa por email a coast.snap@uvigo.es . Cando compartas a foto faino publicamente usando o hashtag #coastsnapagrelo e a data e hora na que tomaches a imaxe (exemplo: 2019/01/01 15:50).

Todas as instantáneas contribuirán a formar unha base de datos comunitaria na que quedarán rexistrados os cambios da praia capturados dende a mesma posición e ángulo de visión.

A medida que cheguen resultados estes serán publicados na páxina de facebook do CoastSnap Agrelo (https://www.facebook.com/coastsnapagrelo), na que tamén se darán a coñecer curiosidades relacionados coa dinámica da praia.

Tamén se poden seguir os resultados obtidos noutras bases localizadas o longo da costa de Galicia na páxina de facebook https://www.facebook.com/coastsnap.galicia ou dende as contas de Instagram (coastsnapgz) ou de Twitter (GzSnap)

Máis información na páxina principal do proxecto CoastSnap (https://www.facebook.com/coastsnap).