Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu comeza as obras de rehabilitación do lavadoiro da Banda do Río

  • A actuación, que ascende a un orzamento de preto de 25.000 €, farase con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra

O Concello de Bueu comeza as obras de rehabilitación do lavadoiro da Banda do Río, que contan cun orzamento de preto de 25.000 euros estanse acometendo por parte Construccións Medraño con cargo ás subvencións de rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico – cultural 2018 da Deputación de Pontevedra.

No proxecto mantivéronse as trazas compositivas existentes, utilizando materiais naturais como son a pedra e a madeira. A cuberta arranxarase a un auga con acabado en tella cerámica, a fin de potenciar a presenza do lavadoiro, e tamén se instalarán dúas lonas con fotos antigas do lavadoiro ou do entorno próximo, así como dous paneis informativos realizados con materiais resistentes ao vandalismo e a intemperie.

O obxectivo é conseguir a rexeneración do espazo, mantendo o seu carácter e empregando solucións construtivas e de deseño tradicional e orixinal, sempre tendo en conta o carácter patrimonial deste lugar. Por iso tamén se aproveitará para instalar luminarias LED, o que permitirá un aforro enerxético.

Segundo salienta o alcalde da vila, Félix Juncal, “desde o goberno local seguimos apostando pola recuperación de espazos que tiveron unha labor importante no desenvolvemento da vida cotiá, como o caso dos lavadoiros, que forman parte da arquitectura tradicional de Galicia”.

Comezo das obras de valado perimetral