Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu programa varios eventos deportivos para estas festas

  • O 31 de decembro organizarase a primeira carreira Silvestre, na que haberá ademais andaina e olimpíadas
  • A comezos de ano están previstos un torneo de Pin – pon e de futsal 3 x 3 no que poderán participar a cativada e as persoas adultas

O Concello de Bueu programa varios eventos deportivos para estas festas, cos que se queren promover valores como o compañeirismo e a unión social, ademais de fomentar hábitos saudables e de lecer durante o Nadal.  Ricardo Verde, concelleiro de deportes, anima a toda a veciñanza a participar, “pois con estas actividades tamén buscamos a convivencia interxeracional, e que pequen@as e maiores compartan un anaco de tempo xuntos”.

O primeiro destes eventos é a Carreira Silvestre, que se organiza este ano por primeira vez da man do Concello coa colaboración de colectivos da vila como a Asociación Veciñal por Beluso (Asbel), Galaicas Bueu e o Club de Atletismo Corredoiras. A Silvestre de Bueu celebrarase na tarde do 31 de decembro e contará con dúas modalidades: carreira e andaina, nas que poderán participar as persoas que o desexen, independentemente da súa idade. A saída será ás 18 horas dende a zona das Lagoas e cun circuíto urbano de 2,5 quilómetros, que continuará polas rúa Johan Carballeira, Montero Ríos, Banda do Río e regreso cara o Centro Social do Mar e ata as Lagoas, e rematará con chocolate quente. Dende a organización suxiren unha indumentaria especial, na que se dividen as persoas participantes por parroquias e cores: as de Bueu poderán levar camiseta amarela, as de Beluso, azul, as de Cela, verde, as de Meiro/Ermelo, vermello, e as de Ons, rosa. As inscricións están abertas ata este venres e poden facerse a través dun sinxelo formulario online.

Ademais das carreiras, ese día tamén están programadas a partir das 15 horas unhas olimpíadas, que se celebrarán na contorna das Lagoas e nas que haberá categorías de benxamín (nados no 2013 e 2014) e alevín (nados no 2011 e 2012) e dez modalidades atléticas: 50 m/l, 100 m/l, 200 m/l, 400 m / obstáculos, lanzamento de peso, lanzamento de xabalina, relevos 4 x 100 m, salto de altura, salto de lonxitude e triple salto.

O 4 de xaneiro, entre as 11 e as 13 horas, a pista multideporte de As Lagoas acollerá o I Torneo Futsal 3 x 3, no que poderán participar a cativada de 8 a 12 anos. As inscricións deberán facerse a través de Whatsapp ao teléfono 607724798 (Ricar) indicando os nomes das tres persoas que comporán cada equipo.

E o 7 de xaneiro ás 11 horas terá lugar o I Torneo de Pin-pon de Nadal na carpa de As Lagoas, no que poderán participar todas as persoas de 8 anos en diante. As inscricións poderán facerse presencialmente na carpa o 4 de xaneiro, ou tamén a través do teléfono indicado para o torneo de futsal. Nesta actividade colaboran o IES Johan Carballeira, o IES Illa de Ons e o CEIP Plurilingüe Montemogos.