Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu abre o prazo de alegacións á Ordenanza de Terrazas

  • Esta normativa, que se aprobou na sesión plenaria deste mes de decembro, substitúe á do 2012 e pretende dar resposta aos diversos usos que se dan nos espazos públicos
  • O texto estará dispoñible na web municipal e nas dependencias municipais, e as alegacións poderanse presentar ata o 9 de febreiro de 2023

O Concello de Bueu abre un prazo de trinta días para a presentación de alegacións e suxestións á Ordenanza Municipal de Terrazas, cuxo texto se aprobou este mes de decembro polo pleno da corporación, ademais de publicarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), tal e como se require na tramitación previa antes de que sexa aprobado de forma definitiva.

Tal e como declarou Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, a proposta da ordenanza de terrazas substitúe á que se aprobara no 2012 e que quedara rapidamente obsoleta ao xurdir novos espazos públicos, como rúas peonís ou o caso da céntrica Praza Massó. Trátase, pois, dunha ordenanza garantista para o espazo público e os diversos usos que se dan nel, tanto no presente como no futuro, e que se consensuou por parte do goberno local coa asociación de comerciantes e o sector hostaleiro, ademais de enriquecerse coa consulta pública previa que se lanzou á cidadanía en xeral para a presentación de suxestións.

A modificación desta normativa obedece ao incremento exponencial da actividade hostaleira na vila, que se produciu en paralelos aos espazos de carácter público que foron aparecendo ou se foron cualificando. Polo tanto, ante esta casuística, o que se pretende é revisar e adaptar a normativa para garantir a defensa do interese do espazo público e do medio ambiente urbano. Con ela resolveranse con claridade cuestións como a documentación necesaria a achegar pola cidadanía para colocar terrazas nos espazos públicos, o procedemento, prazos e trámites a seguir, as distancias, cautelas, dimensións das instalacións en relación aos espazos públicos existentes no concello, o réxime sancionador ante incumprimentos da normativa vixente, ou as características das instalacións en canto a forma e materiais segundo o espazo no que se localizan.

As persoas que o desexen poden consultar o texto da ordenanza completo na web municipal, ademais de nas dependencias municipais, e presentar as alegacións, se o consideran, antes do 9 de febreiro do próximo ano. Unha vez que se peche este trámite, a normativa aprobarase de forma definitiva e entrará en vigor.