Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu insta a Augas de Galicia para que asuma o financiamento dunha actuación de mellora de servizos na rúa Pazos Fontenla

  • Félix Juncal realizou este venres unha visita ás instalacións da EDAR, onde anunciou que levará ao pleno unha proposta para instar ao ente autonómico a que financie a mellora integral na que é unha das principais arterias do municipio
  • O rexedor informou de que xa está activo o sistema de tratamento terciario na estación depuradora, polo que xa se cumpre co solicitado pola Consellería de Infraestruturas e Augas de Galicia

O goberno local de Bueu instará a Augas de Galicia a que asuma os compromisos coa vila e promova unha gran actuación na mellora integral dos servizos de abastecemento e saneamento na rúa Pazos Fontenla. Así o anunciou Félix Juncal, alcalde de Bueu, nunha visita realizada este venres ás instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da vila, na que estivo acompañado de Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, de Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, e de Carolina García, xefa de servizo de FCC Aqualia, empresa concesionaria do servizo de auga.

O acto de hoxe serviu para comprobar o “correcto funcionamento das instalacións” e alí o rexedor tamén anunciou que se levará unha proposta dos grupos de goberno (BNG e ACB) ao pleno de xaneiro co fin de instar á Consellería de Infraestruturas e a Augas de Galicia para que financien o proxecto de renovación de servizos e mellora integral na PO-315, concretamente ao seu paso pola rúa Pazos Fontenla. O rexedor explicou que “xa hai aproximadamente tres anos que dende o Concello asumimos a redacción dun proxecto para esta zona e as diversas modificacións do mesmo, así como a tramitación dos permisos e autorizacións sectoriais pertinentes, sempre co convencemento e de común acordo no financiamento da Consellería de Infraestruturas e Augas de Galicia”. Juncal destacou que na última reunión mantida coa Conselleira hai un ano, xa se advertira de que era necesario que o Concello activase o sistema de tratamento terciario a través das lámpadas UVA, que xa se atopa en funcionamento dende setembro polo que o rexedor considera que “a parte do Concello xa a cumprimos, e só resta que a Consellería confirme o acordado nas reunións”.

Hai xa moitos anos que o Concello de Bueu ten advertido do mal estado no que se atopa esta rúa, unha das arterias principais da vila, na que o pavimento dos vehículos se encontra deteriorado, o mesmo que as beirarrúas, nas que existen múltiples baldosas levantadas. Así mesmo, os servizos de abastecemento e saneamento de auga están obsoletos, co que supón tamén de riscos de vertidos ás canles fluviais.

Co obxectivo de promover unha actuación integral, o Concello de Bueu dirixiuse en diversas ocasións e de varias formas á Xunta de Galicia, que é o organismo titular do vial e ao que lle compete realizar unha actuación de mellora. O alcalde mantivo conversas de forma presencial e telefónica tanto coa Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade como coa Directora de Augas de Galicia, de forma máis intensa no 2019, e nas que quedou de manifesto o interese municipal a prol dunha actuación que incrementase a seguridade das persoas usuarias deste vial, e contribuíse a diminuír os impactos sobre o medio ambiente.

En novembro de 2019, o Concello xa dispoñía dun proxecto para promover unha actuación integral na mellora de beirarrúas de Pazos Fontenla, que foi remitido á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, despois de sendas conversas cos departamentos autonómicos. A mediados de 2021, o Concello de Bueu remitiu un anteproxecto valorado en 1,1 millóns de euros, co obxectivo de instar á Xunta de Galicia a que financiase esta actuación tan necesaria e prioritaria para a vila de Bueu. Posteriormente, en setembro dese ano, procedeuse a enviar un proxecto definitivo, despois de que se mantivesen diversas reunións e conversas coas persoas responsables dos departamentos autonómicos. O envío desta documentación levou a que en decembro se convocase unha reunión entre a alcaldía e a Conselleira de Infraestruturas, na que se confirmou por parte desta que este proxecto se inseriría no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea no marco do saneamento das rías. A partir de aí, o Concello vén traballando dende o convencemento nun proxecto tal e como o foron solicitando o propio ente autonómico, “sempre dende a aparencia de que conseguiriamos o citado apoio financeiro, polo que instamos á Xunta de Galicia a que nos comuniquen de forma oficial que cumprirán co acordado”, culminou o rexedor.