Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu presenta o I Plan de Igualdade Intercentros

  • O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu este luns un acto no que se deron a coñecer as liñas de actuación deste “instrumento pioneiro” que estará vixente ata o 2022

O I Plan de Igualdade Intercentros (2019-2022) de Bueu é xa unha realidade, e por iso os centros educativos e o Centro de Información ás Mulleres apostarán por levar a cabo accións conxuntas e programadas a fin de fomentar a igualdade. Con este motivo iniciou a súa andadura este luns no salón de plenos da Casa Consistorial, onde tivo lugar o acto de presentación no que estiveron presentes o alcalde da vila, Félix Juncal, a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, José Manuel Vilas, voceiro do PSOE, Mercedes del Pilar Otero, edil do PP, Montserrat González, directora do CIM membros dos equipos directivos dos centros educativos. Aínda que estaba programada a visita de Carmela Silva, presidenta da Deputación, finalmente esta non puido asistir debido a problemas de última hora.

Félix Juncal salientou a importancia deste “instrumento pioneiro na nosa comunidade” e avanzou que unha das primeiras accións que se vai poñer en marcha será a celebración dun pleno pola igualdade, que terá lugar o 7 de marzo pola mañá e no que estarán representados dezaseis nenos e nenas dos colexios de primaria da vila. O alcalde lembrou que “nestes tempos que corren debemos estar preparados para combater e non retroceder ningún paso nos avances que fomos acadando”.

O plan, que se elaborou cunha subvención da Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo que toda a comunidade educativa da vila vele pola aplicación daquelas medidas que vaian encamiñadas a fomentar o respecto ás diferenzas, entre elas, a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Por iso, e tras a diagnose previa, adoptáronse catro liñas de traballo con corenta e tres accións: modelo de escola coeducativa, desenvolvemento curricular non sexista, orientación con enfoque de xénero e modelo de convivencia igualitaria. O plan tamén incide na necesidade de establecer contacto coas nais e pais para implicalos na coeducación.

Esta iniciativa de acción forma parte do IV Plan para a Igualdade de mulleres e homes (2018-2021), que ten como liña prioritaria de actuación a adopción de medidas no eido educativo, que é a base na que se sitúa o cambio presente e futuro. Tal e como salientou Ramón Torrente, da empresa Andamiaxe (encargada de elaborar o plan), o proceso consta de catro fases: creación do grupo de traballo de centros educativos pola igualdade, diagnose nos centros, elaboración do plan e seguemento e avaliación.

A diagnose incluíu a análise dos documentos internos e as fichas autoavaliativas do CEIP Plurilingüe A Pedra, CEIP A Torre de Cela, CPR Virxe Milagrosa, CEIP Montemogos de Beluso, IES Illa de Ons, e IES Johán Carballeira, a través das que se extraeron algunhas conclusións: as mulleres profesoras representan unha ampla maioría, nos documentos internos persiste a linguaxe sexista aínda que se introduce pouco a pouco a inclusiva, e non existe unha liña de planificación.

I Plan de Igualdade Intercentros