Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu organiza un curso básico de lingua de signos para a cidadanía

  • A formación, que consta de 30 horas, será impartida polo persoal da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia XOGA
  • As prazas son limitadas e as persoas interesadas poderán anotarse no Rexistro Xeral de Entrada

O Concello de Bueu organiza un curso de lingua de signos dirixido á cidadanía co obxectivo de que se coñeza a diversidade sensorial e se garanta a comunicación e o entendemento de todas as persoas na e por parte da sociedade. Esta formación, que consta de 30 horas, será impartida a partir do 19 de outubro por persoas da Organización de Diversidade Sensorial de Galicia XOGA na sala de usos múltiples do Departamento de Benestar Social. As persoas que desexen participar desta formación gratuíta deberán inscribirse previamente a través do Rexistro Xeral ou da Sede Electrónica cubrindo un formulario no que terán a posibilidade de elixir entre dúas quendas: ou ben martes e xoves de 16.00 a 18.00 horas; ou os mesmos días en horario de 18.30 a 20.30 horas.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo e impulsora da iniciativa, salienta que “é importante que as persoas poidamos expresanos na sociedade e que toda a cidadanía coñeza a diversidade sensorial na súa amplitude”. Esta actividade englóbase no marco dun proxecto de fomento da accesibilidade e a inclusión, e inclúe accións tanto formativas como de concienciación. Por iso, ademais do curso para a cidadanía, durante o mes de outubro celebrarase outro dirixido ao persoal municipal, e co que se pretende seguir avanzando para a consecución dunha administración máis accesible.

O Concello de Bueu comezou este ano cun programa de mellora da accesibilidade e da inclusión en diversos ámbitos, e xa en xuño se puxeron en marcha as primeiras xornadas sobre diversidade sensorial, organizadas xunto a XOGA.

Xoga, apostando pola diversidade

Xoga é unha entidade de iniciativa social nacida no 1990, sen ánimo de lucro que vela polos intereses das persoas con diversidade sensorial (persoas xordas, con perda auditiva e xordocegueira), das súas familias e profesionais en tódolos ámbitos da sociedade, desenvolvendo un traballo de interlocución para ofertar unha serie de servizos e actividades inclusivas ás persoas con diversidade sensorial da Galiza.