Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu adxudica as obras de ampliación da senda do río Bispo

  • As obras, que consisten na posta en valor do camiño ata o lugar de A Portela, van ser acometidas pola empresa EC Casas con cargo á subvención do Plan Concellos 2020

A ampliación da senda do río Bispo e a continuación do tramo urbano será unha realidade no próximo mes. O Concello de Bueu vén de adxudicar á empresa EC Casas esta actuación que se levará a cabo no marco das subvencións do Plan Concellos 2020, e que vai permitir á cidadanía gozar dun percorrido con moito valor cultural, patrimonial e etnográfico. Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “estamos diante dun proxecto de grande interese para a cidadanía e do que xa nos comprometeramos coa veciñanza da zona a comezos do verán”.

A mellora da senda rural do río Bispo vai ser unha das actuacións prioritarias do goberno na zona do Valado, e permitirá acondicionar máis dun quilómetro de camiño ata o lavadoiro da Portela, dando continuidade así ao tramo urbano que se preparou hai uns anos. Esta actuación, para a que a empresa presentou un orzamento de 39.898,10 €, incluirá traballos de limpeza e preparación do camiño con xabre, e a colocación de paneis interpretativos e báculos de distancias. Como apuntou Juncal, “o obxectivo é revalorizar este espazo que se utilizaba como punto de reunión cando se lavaba a roupa e se mazaba o liño”.

O río Bispo é a principal arteria fluvial de máis longo percorrido, e con moita transcendencia por diversos lugares da vila, como mostra a súa variada toponimia: río Frade, Canudo, Portela… Ao longo do seu trazado, aparece unha numerosa cantidade de elementos patrimoniais como muíños, fontes e lavadoiros, que mostran a riqueza e produtividade dun territorio sabiamente explotado pola sociedade tradicional da que formaban parte os devanceiros.