O Concello de Bueu e FCC Aqualia renovan o abastecemento de auga nas Meáns

  • Estes días rematouse unha actuación de subministro de auga na Avenida da Barca e proximamente mellorarase outro tramo en Curraces

O Concello de Bueu e FCC Aqualia, empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga, están acometendo conxuntamente a ampliación do servizo de abastecemento no lugar das Meáns. As obras consisten na renovación da rede de abastecemento, cambio de válvulas e mellora de acometidas nun tramo de aproximadamente 200 metros, que se unirá a outro no que xa se actuara hai uns anos.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este xoves as obras que se levan a cabo neste tramo e salientou que “hai unha demanda cada vez maior nos diversos lugares do municipio, e seguiremos traballando para ir dotando as vivendas deste servizo básico fundamental”.

No marco deste plan de traballo conxunto entre a concesionaria e o Concello, a semana pasada ultimouse a renovación da rede de abastecemento na Avenida da Barca, xusto onde a Axencia Galega de Infraestruturas vén de substituír as lousas dun tramo de beirarrúa que se atopaba en moi mal estado; e tamén na zona de Vilar, na parroquia de Beluso.

Proximamente continuarase coa ampliación da rede de abastecemento no lugar de Curraces, en Montemogos (Beluso), nun camiño próximo á antiga escola unitaria que se utiliza na actualidade como centro sociocultural. “É prioritario para nós como Concello actuar nos lugares de vida das persoas”, apunta o rexedor bueués.